Mobilidade de terras: levantan ou non os neboeiros?
A última actualización SIXPAC da
que dispoñemos, datos do inicio de campaña 2012, indicaban unhas 840.600
hectáreas de pasto arbustivo (PR). Non existen datos directos, ata onde
sabemos, de cantas se están a aproveitar para o pastoreo para o gando. En canto
ós datos de declaración, sabemos que só un pouco máis da metade da SAU galega
se declara e que, en paralelo, se fai o propio
cun 11% do mato total (desas 840 mil de PR) e que este representa, á súa vez, case un 20% da
superficie declarada por parte dos agricultores. Ademais imaxino que nunha
parte importante do mesmo se atoparán incumprimentos de elexibilidade (tamén
intúo que esto último iría a menos nos últimos anos). Xustificación para esto?
Difícil dar explicación completa a todo, sexa dende aquí, sexa dende o propio
FOGGA, pero hai cando menos tres aspectos que considero relevantes. Por unha
banda hai sectores agrícolas que non teñen que facer declaración de superficies.
Ademais, algunhas explotacións gandeiras tiveron a estratexia de
"concentrar" os seus dereitos no momento de desacoplar (caso típico
das de leite coa prima láctea) e polo tanto non declaran unha parte da
superficie que realmente xestionan (en ocasións moita menos). Finalmente, existen
numerosas pequenas explotacións de autoconsumo que "escapan" da PAC,
pero que xestionan unha parte relevante de SAU. As tres cousas sumadas poden
dar lugar a unha superficie significativa, aínda que os datos seguen a resultar
chamativos.
Curiosamente, nun estudo que
fixemos na Terra Cha no 2011 sabemos que as superficies
tipo “PR” representaban case un 30% do total declarado o cal, sendo na Terra Cha,
nos pareceu sorprendentemente elevado. Ademais, en
moitos casos o grao "utilización" directo sería cuestionable... Como
xa comentei antes non hai datos dese nivel de aproveitamento.
De tódolos
xeitos, na PAC actual, iso non semella un problema a efectos de “cubri-los
dereitos”. Aos efectos de pago
único decláranse en Galicia unhas 523.000 ha, para uns 343.000 dereitos DPU, co
cal, falando en termos agregados hai unha marxe grande.
No referente á dispoñibilidade de
terra ou á demanda ou non da mesma, son cuestións clave as que plantexas. Nós
estamos tratando de atoparlles resposta escapando dos tópicos. Polo de agora só
podemos debuxar parte do cadro. Céntrámonos nas de vacún de leite,
que imaxino son ás que te refires ti principalmente dada a conxuntura
actual.
Primeiro, diferenciar o feito de
que unha parte das explotacións teñan unha produción altamente dependente da
compra de alimentos (parte polo modelo produtivo escollido, parte polo ratio
UGM/terra) de que
realmente demanden terra. Non todas as
explotacións buscan activamente terras. Por exemplo, de novo na Terra Cha,
nun estudo do ano 2010, só 1/3 das explotacións de vacún declaraban querer
conseguir máis terras. Aínda así, representaban unha porcentaxe
maior en termos de produción agregada.
En canto á
dispoñibilidade de terra, tamén non hai
respostas categóricas. No estudo mencionado, no radio de acción no que as
explotacións declaraban estar interesadas, atopamos unha superficie de PR
(consideramos que esta era terra potencialmente mobilizable)
equivalente ó 1800% da superficie que na actualidade xa estaban xestionando
ditas explotacións. Certo é que nos falta por analizar a aptitude produtiva e
condicións estruturais, pero semella unha cantidade suficiente como para
posibilitar un incremento notable da base territorial das explotacións
demandantes.
Cales son as
causas de que esas terras potencialmente aptas non se mobilicen, sabendo que si
que hai demanda? (é dicir, nese estudo chegamos a realmente definir que hai
demanda e que, aparentemente, hai oferta potencial nun radio de acción
adecuado). Esta é outra cuestión na que intentaremos avanzar nos próximos
tempos. As dúas hipóteses que ti plantexas, prezos elevados e competencia cos
terreos forestais, parecen razoables, aínda que cremos que non serían as
únicas.
No tocante á competencia dos usos
forestais, aínda sendo xa un tópico, parece evidente. Nos últimos 25 anos
perdéronse unhas 145.000 ha de SAU en Galicia, sendo o paso a superficie
forestal un dos procesos de maior relevancia.
Cales son os principais problemas
para incrementa-la SAU? A pregunta do millón... Supoño que coñecerás os
traballos de Edelmiro e de Sineiro. O certo é que os traballos de Edelmiro,
sendo referencia no tema da mobilidade, remóntanse xa a primeiros dos 90. Aínda
así, é probable que parte das causas que el enumeraba (e que aínda hoxe mantén)
sigan sendo relevantes. El sostén que dúas das principais causas son a
competencia cos usos forestais e os urbáns, sumado á baixa fiscalidade da terra. Probablemente a situación ten máis facetas:
- Do lado das explotacións, o
modelo produtivo de moitas pode facer que, ou ben non sexan demandantes de terra realmente
activas, ou que as superficies que busquen teñan que ter (según a opinión
dos/as gandeiros/as) unha tipoloxía concreta (tamaño, accesos, mecanización,
etc.). Como se podería explicar senón que case un 1/3 das superficies
declaradas para a PAC na Terra Cha sexan PR según o SIXPAC. Ademais,
na situación actual é posible que moitas non teñan capacidade financeira para
mercar.
- Nalgúns casos si pode acontecer
que non haxa superficies potencialmente mobilizables nas inmediacións (aínda
que probablemente si desprazándose a certa distancia)
- Pode acontecer que realmente
non coñezan a existencia de posibles parcelas dispoñibles. Non
"estamos" acostumbrados e pensar que conseguir terras é unha
actividade que forma parte das estratexias da explotación. É normal que
unha persoa agricultora adique moitas horas a pensar que tractor mercar, pero
cantas horas adican a buscar activamente terras?
-
Efectivamente a liberación de terras por parte dos propietarios que non as
utilizan semella non ser fluída. Temos identificado diferentes patróns (só de
forma cualitativa) en diversas zonas de Galicia. Por exemplo, nalgunhas zonas do
Deza hai unha cultura do arrendamento das superficies agrarias bastante
consolidada, e a plantación de antigas superficies de cultivo (con piñeiros e
eucaliptos) parece ter menos incidencia. Do que non temos datos, e sería ben
interesante (enlaza coa túa seguinte pregunta), é da evolución da forestación
de terras nos últimos anos (é dicir, unha análise a intervalos de, poñamos, 5
anos), especialmente nas zonas gandeiras. A observación directa, só a nivel de
impresión cualitativa, fai pensar que está tendo incidencia (independentemente
da normativa en vigor). É dicir, en zonas de demanda potencial, vese como
algunhas parcelas van quedando paulatinamente abandoadas ou son forestadas
directamente. De tódolos xeitos, ó non ter analizado esto de xeito sistemático,
non podemos dicir como é realmente o proceso. Outra cousas a maiores sería ver
o porqué disto. É dicir, se é unha decisión baseada só no intento de maximizar
a renda da terra (motivos puramente económicos) ou ben
se é unha opción para evitar desfacerse das terras sexa por arrendamento ou por
venta, debido a outros factores. En estudos que fixemos dende o grupo (na
mariña luguesa e na zona de terra de montes), semella que estos últimos
teñen moito peso, pero o certo é que aínda que sa fala moito, non se ten feito
ningunha enquisa a nivel galego ós propietarios de terras.
- O que
diciamos antes para as explotacións pode acontecer tamén para os propietarios:
non saben (ou parécelles difícil) que poida haber interesados en xestionar as
súas superficies.
En relación á protección da SAU na
Lei de Montes, pois é difícil opinar, dado que poderíamos ver pros e contras
(mirado dende a perspectiva da conservación da mesma). No marco anterior (Lei
3/2007), a priori estaba prohibido forestar prados e cultivos, aínda que no
ámbito do artigo 25.3 había certa ambigüidade (o cal leva a unha aplicación
difícil). No novo marco (7/2012), ábrese a porta cando se atopen abandonados
(haberá que ver como se determina e considera) e cando estivesen no banco de
terras dous anos (con ou sen solicitudes?). Entón, cambia a forma. En principio
o novo enfoque, que poderíamos chamar "dinámico" (é dicir, non
baseado nunha "clasificación de usos preexistentes") pode ser
interesante na medida en que se coordina coa actuación do banco de terras, pero
hai que esperar a ver como se aplica. Esto último lévanos a última
consideración e que realmente é a importante: a experiencia recente demóstranos
que o importante non é a Lei, senón a aplicación que despois se fai en campo e
que, por desgraza, intuímos que difire do que se publica no DOGA. Sería de gran interese poder facer un seguemento desto
último.
Non se
contestan de xeito completo ás preguntas, aínda que nos últimos tempos estamos
intentando impulsar unha reflexión en profundidade sobre o tema, ademais de
tratar de coñecer mellor que é o que está pasando realmente. Algo que por outra banda é moi
difícil nun país tan diverso e dinámico (aínda que pareza que non) coma o noso.
Desafortunadamente, dominan, como tamén apuntas, os enfoques sectoriais ou
de "minifundio administrativo e de gobernanza", que é na miña opinión
bastante máis perxudicial que o outro, e a información non flúe
precisamente libre entre os diferentes departamentos. Aínda así, creo que varias preguntas das que plantexas
habería que facerllas, tamén, á propia Administración.
Sigamos!
0 comentarios: