Os incendios como un problema perverso
En 1973 Rittel e Webber [1] escribían un artigo onde caracterizaban a natureza do que eles denominaron “wicked problems”, que pode ser traducido por problemas perversos ou problemas retorcidos. Argumentaban que tódolos problemas de planificación, e de políticas públicas en xeral, eran problemas perversos. Non eran boas noticias para os técnicos nin para aqueles que sempre pensaron que os problemas colectivos son mansos e benignos, e que se resolvían simplemente cunha diagnose, a análise das posibles alternativas e, finalmente, a implantación das políticas máis axeitadas.
Unha das principais características dos problemas perversos coa que nos atopamos nada máis comezar a analizalos é a de constatar que, en vez de problemas, son realmente síntomas doutros problemas. Un problema perverso clásico, continuo ao longo da historia, é o da pobreza. A pobreza pode ser entendida como consecuencia de falta de recursos suficientes, ou como un problema de desigualdade. E ao mesmo tempo cada un destes problemas pode ser entendido como consecuencia doutros, e así ata o infinito.
Esto leva a outra das características fundamentais dos problemas perversos. Unha vez escollida unha solución dun problema perverso, esta determina –pois está xa implícita na mesma solución – o tipo de política pública que se escolle como solución. No exemplo da pobreza, se pensamos que a causa é a falta de recursos para todos, a política pública a aplicar tratará de incentivar o crecemento. Esta solución difire daquela de repartir os recursos existentes, no caso de que se identificase a desigualdade como causa fundamental da pobreza.
O problema dos incendios en Galicia é tamén un problema perverso. A discusión pública parece reducilo unicamente á existencia de incendiarios, co que a única solución que se propón é a de endurecer as penas e aumentar a vixilancia. E é certo que se trata dunha das causas do problema. Ademais é unha explicación sinxela e de fácil comprensión, e dela dedúcense decisións simples de executar. Porén, a súa efectividade é moi baixa, e por moitos medios que se poñan vaino a seguir sendo cando as condicións climáticas son tan adversas como as do domingo pasado e o territorio é tan vulnerable. Non parece factible que sexa unha política con capacidade para evitar situacións como as vividas estes días.
Ademais é unha explicación dos incendios que esconde outras máis profundas, dun tratamento máis difícil e complexo, pero que de ser tratadas de forma sistemática, serían sen dúbida moito máis efectivas. No seguinte mapa conceptual, sen ser completo, propoñemos unha serie de procesos que están detrás da facilidade que ten Galicia para sufrir vagas de lume recorrentes cada certo tempo, e que teñen unha virulencia tal que poñen en perigo incluso a vida das persoas. Nel pódese intuír o diferente peso que cada problema, ou tipoloxía de problemas, ten no problema perverso global.
Fig. 1. Mapa conceptual para comprender a complexidade dos incendios (clicar para ampliar).
Para entender as consecuencias, en termos de políticas públicas , da complexidade do problema, algunhas claves son necesarias. Algúns gobernos teñen reflexionado sobre dificultades das políticas públicas para xestionar problemas perversos [2]. Estes catro consellos poden ser de interese para afrontar unha nova reflexión colectiva sobre o problema concreto dos incendios en Galicia:
1.- Deberíase tratar de evitar unha aproximación demasiado estreita ao problema, optando por unha visión holística do mesmo na que que se identifiquen os sub-problemas. Para cada un deses sub-problemas pódense formular políticas específicas, pero que respondan de forma coordinada ao problema xeral.
2.- Incrementar a capacidade de adaptación mediante a transferencia de coñecemento dentro das diferentes áreas da administración que traten sub-problemas dun problema perverso.
3.- Tratar de adelgazar as fronteiras organizativas da administración, e superar a barreira existente entre o deseño das políticas e a súa implantación.
4.- E non pode ser unha reflexión colectiva se non se involucrar á poboación na propia reflexión.
O mapa conceptual presentado implica necesariamente a toma en consideración destes catro puntos, e que traducido de xeito simplificado ao problema dos incendios resulta en:
- Visión territorial dos lumes. O problema perverso dos lumes é un síntoma de diversos sub-problemas territoriais. Os lumes son a febre dun territorio enfermo.
- Coordinación institucional. A abordaxe dos sub-problemas territoriais responsables dos lumes esixe dunha actuación integradora das diferentes ramas das administracións públicas
- Superar a DOGacracia. En numerosas ocasións o marco lexislativo existe, pero a súa aplicación é claramente deficiente.
- Por definición o territorio é unha cuestión da poboación no seu conxunto. A conciliación dos niveis individual (comezando pola propiedade da terra) e colectivo (aspiracións sociais) é condición indispensable para afrontar a problemática dos lumes.
A definición de problemas perversos así como a súa solución requiren dunha aprendizaxe colectiva [3]. E moito máis cando para a súa solución están involucrados actores múltiples onde existen conflitos de valor e de interese. En Galicia xa realizamos unha gran aprendizaxe colectiva coa vaga de lumes de 2006. A discusión pública e as diferentes políticas públicas que foron impulsadas son boa mostra desta aprendizaxe [4] [5]. Agora toca continuar afondando por esa senda.
Existen moitas e serias trabas para facer este tipo de tarefas. Cada vez o poder lexislativo das democracias parlamentarias é máis débil fronte o poder executivo e xudicial [6]. Neste sentido o problema dos incendios en Galicia poderíase interpretar incluso como a consecuencia dun déficit democrático, pois existe un marco normativo aprobado no parlamento que, de aplicarse, reduciría significativamente a situación de risco. Por outra banda os medios de comunicación non parecen ter demasiado interese en involucrarse na explicación de problemas complexos. E finalmente a sensación de crise deixa menos tempo para pensar dun xeito colectivo, favorecendo estratexias individuais. Pero, ou avanzamos por este camiño máis complexo e difícil, ou é probable que xa non haxa máis camiño.
Laboratorio do Territorio (LaboraTe).
Referencias
[1] Rittel, H. W., & Webber, M. M. (1973). Dilemmas in a general theory of planning. Policy sciences, 4(2), 155-169.
[2] Head, B. W., & Alford, J. (2015). Wicked problems: Implications for public policy and management. Administration & Society, 47(6), 711-739.
[4] Tubío-Sánchez, J. M., Ónega-López, F., Timmermans, W., & Crecente-Maseda, R. (2013). Institutional change in land planning: two cases from Galicia. European Planning Studies, 21(8), 1276-1296.
[5] Wim, T., Ónega López, F., Tubío Sánchez. J.M., & Crecente Maseda, R. (2015). A Complexity perspective on institutional change: dealing with land fragmentation in Galicia. Social Evolution & History, 14(2).
[6] Hirschl, R. (2009). Towards juristocracy: the origins and consequences of the new constitutionalism. Harvard University Press.
A reflexión está moi ben, pero desgraciadamente en fronte atopámonos coa xeración da era dixital, onde os termos complexo, difícil, esforzo e sacrificio non son nada queridos.
ResponderEliminarSi, debe ser que a Xunta, ENCE e as comunidades de montes están copadas por "millenials"... o que hai que ler...
ResponderEliminarOs que están na Xunta, Ence e manexan os cotarro sonche moito máis espabilados que moitos "millenials". Así nos vai.
EliminarGrazas por este aporte. Do mellor que tiven ocasión de ler estes días. Apertas.
ResponderEliminarQuien piense que enfrente de un problema perverso como es el de los incendios forestales solo nos encontramos a la Xunta, ENCE y las comunidades de montes es que no ha entendido nada de nada. Este documento está editado para todo el conjunto de la sociedad civil (incluidos los Millennials) y finaliza con la frase “Pero, ou avanzamos por este camiño máis complexo e difícil, ou é probable que xa non haxa máis camiño.” El autor nos indica el camino por el que debemos avanzar todos y es cuando reafirmo que, en cuanto a esta reflexión, el autor se va a encontrar enfrente a la Generación de la Era Digital, con sus virtudes y defectos, entre ellos el rechazo a lo complejo y difícil…Para ler hai que ter capacidade lectora…
ResponderEliminar