Análise da oferta de terras agrarias: as actitudes dos propietarios

20:04 1 Comentarios

‘Os lumes son o síntoma dun territorio enfermo’ é unha das metáforas que se utilizan na anterior entrada deste blog, que procura abordar o problema dos lumes –un problema perverso- dende unha perspectiva ampla, buscando as súas causas últimas en dinámicas territoriais de gran calado e complexidade. Unha desas dinámicas é o despoboamento do rural e o abandono da actividade agraria. En moitos casos o abandono de terras é consecuencia case inmediata. Porén, as propiedades fican no seu sitio mesmo que as persoas propietarias marchen e aínda que as persoas herdeiras vivan moi lonxe. Que acontece con esas terras? Que pensan os seus titulares? Respostar a esa pregunta tamén é fundamental para diagnosticar cal é a enfermidade do territorio. O traballo de Martina Fernández Campo, Master en Xestión Sostible da Terra e do Territorio, avanza nesa dirección. A continuación unhas pinceladas.


Análise da oferta de terras agrarias: as actitudes dos propietarios 
(Martina Fernández Campo)

De todos é coñecido que a utilización da terra en Galicia cambiou de xeito moi importante nos últimos decenios; o éxodo do rural, a especialización produtiva do sector agrícola-gandeiro e do forestal, e os procesos de urbanización, propiciaron que atopemos simultaneamente terras sometidas a unha forte presión e outras áreas con un grado importante de abandono.

Centrándonos nestas últimas, resulta incomprensible, que esa superficie agrícola abandonada, en moitos casos con moi boa aptitude para a produción agraria, non se transfira a outras explotacións, senón que permanece abandonada, ou ben se destine a outras actividades (forestal e /ou urbanización fundamentalmente), incluso existindo demanda por parte das explotacións agrarias. Por tanto estamos ante un paradoxo, onde existindo demanda e oferta de terras, a mobilidade non se chega a producir. Isto reflicte a existencia dunha serie de obstáculos tanto do lado da demanda como da oferta que os mecanismos do mercado non foron quen de resolver no territorio galego.

En 2016 nace un proxecto piloto denominado MobilizaTe, que ten como obxectivo mobilizar terras con boa aptitude agraria en estado de abandono no Val de Lemos. A modo de resumo, o proxecto centrouse inicialmente en identificar terras abandonadas na comarca con boa aptitude agraria. Unha vez constatada a súa existencia, realizouse un traballo de campo para corroborar (tal como facían pensar estudios previos) a existencia de demanda real para esas superficies.  Rematada esta fase con resultados positivos (existencia de demanda), cumpría analizar os impedimentos á mobilidade desas terras, e nesa labor se centrou este traballo, concretamente en  caracterizar a oferta potencial:  persoas propietarias de terras abandonadas, a partir da análise da súa percepción e actitude.

Seguindo referencias como a de Van der Ploeg [1] en relación aos estilos de agricultura ou como a de Soliva [2] coa construcións de narrativas ou discursos da sociedade, buscouse identificar unha tipoloxía ou estilo de propietarios baseada na construción de patróns ou tipos ideais que responden a unha serie características e pensamentos comúns. Para conseguir este obxectivo realizouse unha serie de entrevistas a donos de terras actualmente abandonadas dos concellos de Bóveda e Monforte de Lemos. Iso permitiu establecer unha clasificación inicial que divide aos propietarios en dous grandes grupos en función da residencia na comarca ou fora dela: os propietarios non absentistas e absentistas.

Terra agrícola abandonada no municipio de Bóveda.
Dentro dos propietarios non absentistas podemos diferenciar entre o propietario que se adica profesionalmente á agricultura, aquel que se adica a tempo parcial e aquel que traballa ou traballou noutro sector. O propietario agricultor posúe terras en propiedade (herdadas e mercadas) e en alugueiro; só  ten abandonadas aquelas cuxo tamaño e accesos  dificultan ou impiden a mecanización. O propietario que se adica á agricultura a tempo parcial adquire as terras por herdanza e tamén por compra, traballa unha pequena porcentaxe da propiedade, e ten alugadas as parcelas con demanda; como no caso anterior só ten abandonada aquela que non ten demanda debido ao seu reducido tamaño. Por último, o propietario que se adica ou adicou a outro sector posúe terras en propiedade obtidas só por herdanza, tendo arrendadas as de maiores dimensións, mentres que o resto atópase en abandono manifestando a súa vontade a vender sempre e cando reciban un “bo prezo” (intuíndose un prezo elevado).

Por outra banda, o propietario absentista correspóndese con persoas non residentes na comarca (emigrantes), que posúen terras recibidas por herdanza maioritariamente en estado de abandono. Dentro desta tipoloxía podemos diferenciar entre os propietarios con vínculo, que manteñen contacto co lugar de orixe (por motivos recreativos e/ou familiares) e que se mostra disposto a vender sempre e cando sexa por un prezo razoable, e os propietarios sen vínculo, que queren desfacerse da propiedade herdada a a para os que o prezo de venda non é un aspecto tan determinante.

Este primeira clasificación de propietarios de terras abandonadas permite unha aproximación ós motivos do abandono, ó sentir dos propietarios en relación coas súas terras, fundamentalmente en función do seu lugar de residencia e do seu vínculo coa actividade agrícola ou gandeira. Un punto de partida para reflexionar  e combater ós obstáculos que frean a mobilidade da terra, non só no Val de Lemos, senón en todo o territorio galego. Paralelamente o traballo veu a reforzar as conclusións doutros estudos [3] que teñen identificado obstáculos como o sentimento de apego, a terra como un refuxio, problemas de herdanza ou copropiedade e inseguridade nos arrendamentos, tamén detectados na análise das entrevistas realizadas, e vinculados a esa clasificación (ex: a percepción do apego a terra é diferente entre unha tipoloxía e outra de propietario).  

Para finalizar, compre destacar que todos os propietarios se amosaban dispostos a por en aluguer as súas terras, nalgúns casos mesmo en permutalas, para acadar a súa posta en produción. Porén, maioritariamente descartaban vendelas. Ademais telas en abandono actualmente non lles supón (segundo manifestan) ningún custo. Así pois máis aló do que cada un teña en mente, “os seus escenarios de futuro ideais”, moi vinculados a esa clasificación de propietarios, pódese concluír que a mobilidade da terra vese dificultada por outros elementos asociados ás particularidades da estrutura da propiedade. Á pasividade na aplicación do réxime de sancións asociados a posesión da terra en abandono (falamos de zonas de regadío e de concentración parcelaria), ou incluso a falla de cargas fiscais que permiten ao propietario manter as súas parcelas en estado de abandono sen ningún custo. Non obstante, os indicios apuntan a que existiría boa acollida de propostas de revitalización produtiva agraria se estes permitisen manter, con carácter xeral, a propiedade das terras aos actuais titulares.

(Este traballo desenvolveuse no marco do proxecto 'Mobilización produtiva de terras no Val de Lemos', resultado dun convenio de colaboración entre a Fundación Juana de Vega e a USC -a través do Laboratorio do Territorio-, e financiado pola propia Fundación).

Referencias
[1] van der Ploeg, J.D. 2010. Farming styles research: the state of the art. Ponencia presentada en el Workshop “Historicising farming styles”, octubre. Melk.

[2] Soliva, R. 2007. Landscape stories: Using ideal type narratives as a heuristic device in rural studies. Journal of Rural Studies, 23: 62-74.


[3] Vila García, D., Corbelle Rico, E., Ónega López, F. 2016. Demanda e oferta de terras nas explotacións gandeiras: Quen da máis? Estudo de caso nos concellos de Castoverde e Baleira (Lugo). En: Fra Paleo, U., López González, F.J. (eds.). Territorios a exame III: Análise comparada da xestión territorial. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Universidade de Santiago de Compostela.

1 comentario:

  1. Interesante traballo. Non achega novidades pero reforza o xa coñecido e polo tanto marca a liña de actución polas administracións: a mobilización das terras pasa pola imposición de custes ás leiras abandonadas. Unha pregunta, as terras demandadas coincidían coas abandonadas, ou era unha demanda xenérica?

    ResponderEliminar