Foro Mundial de Acceso á Terra e ós Recursos Naturais: vellas e novas reflexións pendentes

12:38 0 Comentarios



 Por que se estamos tan convencidos da capacidade e eficiencia da agricultura familiar, as institucións internacionais e gobernos seguen promovendo o acaparamento de terras e a destrución do planeta? Non basta con quedarnos en que o acaparamento acontece, que é malo, que ten moitas implicacións, que a culpa é de multinacionais que comercializan coa terra e os alimentos a consta dos dereitos humanos. É hora de avanzar, de ir máis aló nas vellas e novas reflexións.


Como instan os protocolos, a un lado do estrado as bandeiras de Europa, España e Valencia e ó outro, a da FAO. “A terra é moito máis que un activo físico”, as palabras de Mamadou Cissokho, presidente honorario da Rede de Organizacións de Agricultores e Produtores de África Occidental (ROPPA) resoaban nun auditorio con máis de 400 asistentes de 70 países, entre eles os delegados de 200 organizacións campesiñas e 150 expertos e profesionais académicos. Así arrincaba o Foro Mundial de Acceso a Terra e os Recursos Naturais (FMAT-2016, en adiante) celebrado na Universidade Politécnica de Valencia (UPV) entre o 31 de marzo e o 2 de abril de 2016.
Imaxe 1.- Conferencia inaugural do FMAT-2016: 12 anos depois do FMRA e 10 anos despois da CIRADR, balance e  situación actual, presidida por Ximo Puig, Preside
O FMAT-2016, organizado polo Centro de Estudios Rurales y de Agricultura Internacional (CERAI) e a Asociación para la Gestión de la Tierra, Agua y Recursos Naturales (AGTER), pretendía un debate aberto entre diferentes actores sociais e institucionais de todo o mundo sobre as procesos actuais de acceso á terra e ós recursos naturais (compras, alugueres e concesións masivas de grandes superficies) e o impacto ambiental, social e cultural dos mesmas (pobreza e fame, decrecemento demográfico, exclusión e marxinación das comunidades, desemprego masivo, colapso medioambiental das rexións e perda da soberanía alimentaria dos pobos e das cidades).
A primeira das sesións constatou a través dos múltiples casos que, a pesar da deficiencia de datos cuantitativos, o acaparamento de terras é unha realidade que afecta a todas as altitudes e latitudes do planeta. A diferenza doutras formas de concentración, os procesos de acaparamento de terras da última década mudaron o mapa de actores. As empresas multinacionais e fondos de inversión adquiriron un papel central.
A segunda das xornada centrouse en reflexionar sobre os riscos globais e locais que supoñen para a seguridade alimentaria e o medioambiente os proxectos de inversión e/ou produción a gran escala. Ademais, a exclusión de comunidades dos seus lugares de vida e traballo e o desmantelamento dos sistemas de gobernanza levan a unha perda inmensurable de culturas, saberes e biodiversidade.
Na terceira e última das xornadas constatouse que a dimensión deses impactos é a que empurra á formulación de accións e alternativas. Entre elas, novas fórmulas de organización e
alianzas de carácter suprarexional, plataformas e mecanismos de incidencia política ou o deseño de alternativas ós tradicionais sistemas de administración de terras para o recoñecemento e seguranza dos dereitos consuetudinarios e os dereitos de uso.

O documento de síntese do FMAT-2016 lista vinte propostas que constatan que as loitas dos pobos polo acceso á terra e ós recursos naturais seguen a ser unha realidade mudada no tempo polos novos actores e que a compresión e empoderamento dos sistemas de gobernanza da terra para o desenvolvemento e a equidade dos pobos seguen a ser unha sinatura pendente. Tanto o foro como o documento son unha chamada ás institucións internacionais (FAO, CSA, ONU), ós gobernos e á sociedade civil a manter e promover o debate e a reflexión sobre a cuestión.



No seguinte enlace podedes descargar un documento que trata de recoller os contidos e reflexións a través da experiencia no FMAT-2016 de MaJo, a PCR-Redes de Enxeñería Sen Fronteiras e alumna do Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio.  

 

0 comentarios: