Urbanismo en Galicia. Feísmo ou traxedia?

0:09 1 Comentarios

A semana pasada a Voz de Galicia publicaba un artigo titulado “O consenso imposible do urbanismo en Galicia” [1]. No artigo faciase referencia ó combate do feísmo como un dos aspectos nos que se fai máis visible o fracaso da lei vixente. Un pregúntase por que o lexislador aínda está empeñado en, con tódolos problemas que ten actualmente o territorio Galego, converter unha fachada sen recebar nun drama territorial. A metáfora que recolle esta situación é a de Galicia como un barco que se vai ó fondo mentres a tripulación se pon a discutir que cor de pintura hai que darlle á cuberta. García Vidal xa recoñecía en 2002 a comicidade absurda desta situación cando o lexislador facía do feísmo o principal desafío, non xa do urbanismo, senón da propia ordenación do territorio en Galicia [2]. Definitivamente, estamos despistados.

Pero a Voz de Galicia tamén trata na mesma nova un dos puntos que, segundo se nos di, é dos máis cuestionados da lei actual: o  “exceso de proteccionismo que impedía prácticamente la edificación de obra nueva en las aldeas”. E é aquí cando o despiste, a comicidade dun lexislador desnortado, comeza a ter repeniques de verdadeira traxedia territorial. Vaiamos por partes.

Galicia conta cuns 30.000 asentamentos de poboación, a metade de toda España. Desde a lei do solo de 1985, cando se creou o concepto de “núcleo rural” para poder ordenar o patrón de poboación disperso de Galicia, as diferentes leis do solo non fixeron máis que definir e redefinir o que era un núcleo rural.

No marco xurídico da lei actual (e sen ter en conta a importante modificación de 2010), López Porto [3] indicaba en 2008 que ó redor dun 70% do solo apto para edificar en Galicia é solo de núcleo rural. É dicir, a maior parte das licencias que se “poden” conceder en Galicia son licencias en solo de núcleo rural. As implicacións desto son moi gravosas desde o punto de vista do interese colectivo: o concello, cando concede estas licencias, non obtén a cambio ningún beneficio polo desenvolvemento urbanístico, pois non hai ningún tipo de cesión de solo, como o habería se este desenvolvemento se fixese a través de planeamento de desenvolvemento. O Consello de Contas púxolle números reais a esa posibilidade de concesión de licencias e estimou que en torno ó 80% das licencias que se conceden en Galicia son licencias directas en solo de núcleo rural. Este non é o único aspecto tráxico. Vaiamos con máis.

Tanto os medios de comunicación como a administración veñen propagando nos últimos meses o argumento de que a lei actual adoece dun “exceso de proteccionismo”.  Sen embargo existen investigacións que sinalan que os concellos que se adaptaron á lei vixente son concellos rurais que ou ben non tiñan ningunha figura de planeamento ou tiñan unha figura moi obsoleta [4]. A lei vixente creáballes moitos problemas para conceder licencias en núcleo rural, e esa foi a súa principal razón para adaptarse á lei actual. O plan servía para sortear ese exceso de proteccionismo, por dicilo dalgún xeito. Por exemplo, un concello como Castroverde, que tiña no seu plan anterior ó redor dunhas 20 ha nas que se podía edificar, acabou con un plan adaptado á lei vixente que autoriza licencias de construción en case 400 ha espalladas por todo o término municipal. É dicir, a lei actual non lle impedíu ós concellos rurais que están perdendo poboación, clasificar enormes extensións de solo de núcleo rural como solo apto para edificar. No seguinte gráfico pódese comprobar que os municipios que se adaptaron á 9/2002 teñen clasificado 3 veces máis solo apto para edificar (máis de 150 ha por municipio) que os municipios que teñen un plan anterior á lei do solo de 1985, a pesar de que perden entre 2001 e 2010 porcentaxes parecidas de poboación, en torno a un 8%. Para que querían todas esas hectáreas edificables? Ata o de agora ninguén o tratou de explicar.





Entón, onde está a restrición?  A lei 9/2002 permitíulles clasificar solo apto para edificar en grandes cantidades, case comparables ás da lei do solo de 1997, que permitía delimitacións de núcleos rurais moito máis xenerosas. 

A nova lei do solo que comezará a tramitación parlamentaria próximamente aposta definitivamente por eliminar as restricións en solo rústico, debilitando así a fronteira entre solo rústico e solo apto para edificar, cando esta fronteira foi sempre, baixo o paraugas da lei actual, moito máis aló das necesidades reais de vivenda que tiñan os municipios que se adaptaron á mesma. Esto, dise, favorecerá que os concellos se adapten á lei. Elimínase a obriga de ordenar usos para que todo concello poida ter un plan que non regula demasiado. Esto resúmese no refrán: morto o can, terminouse a rabia. É esta unha solución para a traxedia territorial galega? Agárrense ós asentos que aínda hai máis.

A nova lei do solo pretende simplificarse e quedarse só co articulado relacionado cos instrumentos de xestión urbanística. Este articulado en Galicia non serve, como se pode observar, para xestionar prácticamente nada. Os municipios non fan xestión, non teñen un patrimonio municipal do solo, venden de forma moi irregular as cesións urbanísticas como se ten demostrado no caso de Coruña [5] , ou como caso de Lugo o planeamento de desenvolvemento da última década só é capaz de explicar o 17% do solo clasificado como urbanizable [6]. Toda esta ineficacia dos instrumentos de xestión, que o lexislador pasa por alto para deleitarse só con temas intrascendentes como o fachadas sen recebar, segue fomentando o avance da traxedia territorial. E a ineficacia dos instrumentos de xestión urbanística acábanlle pasando factura ós instrumentos de xestión de terras agrícolas. No pasado o único planeamento de desenvolvemento era o que se facía coas concentracións parcelarias, moitas das cales se adicaron á facer solares. Hoxe en día os municipios pídenlle ó Banco de Terras de Galicia as masas comúns resultantes desas concentracións para construír equipamentos ou dotacións, pois os municipios seguen sen facer ningunha xestión para adquirir solo.

Todo este conxunto de instrumentos de xestión ineficaces é o que explica que as escolas e as clínicas de saúde estean nos cumios dos montes, que a infraestrutura necesaria para dotalas de servizos básicos termine incrementando os prezos da terra ata o punto de facer inviable calquera actividade agrogandeira, e que finalmente todo se cubra con masas de eucaliptos sen xestionar que rodean as casas, esperando un lume que o arrase todo. E mentres esta traxedia avanza sen que ninguén a pare, o goberno autonómico enreda a perseguir a quen non pinta a fachada.

Por eso, ante todo este cúmulo de despropósitos lexislativos que algúns chaman DOGAcracia [7], e ante a incapacidade de xestionar os usos da terra dunha sociedade tan democrática desde o punto de vista territorial (todo galego é propietario de terras), pero ó mesmo tempo con tan pouca ambición colectiva, tal como din outros [8], a pregunta que se acaba facendo un é: romperán algún día os fieitos novos e verdes o cego asfalto do non entender – ou non querer entender – o que nos pasa como sociedade e territorio?

José Mª Tubío Sánchez, 
investigador do Laboratorio do Territorio

Notas

[2] García Vidal, P.. Galicia. Las perverssas consecuencias de un crecimiento urbano en manos del mercado. Aportaciones para un debate desde la geografía. In VI Cologquio de Geografía Urbana. León, 2002.

[3] López Porto, P., 2008: O solo de núcleo rural na lei 9/2002, Escola Galega de Administracións Pública.

[4] Tubío-Sánchez, JM.; Crecente Maseda, R. (2012). “Entendiendo el planeamiento municipal en Galicia. El caso de la LOUPMR”, Revista de Administración & Ciudanía, 7(2), pp. 7-25.

[5] DOMÍNGUEZ-ÓMEZ, R.; Tubío-Sánchez, J.M; Crecente-Maseda, R. «¿Quién se beneficia del crecimiento urbanístico? Málaga y A Coruña en los años del boom inmobiliario», en R. CRECENTE MASEDA e U. FRA PALEO, Territorios a exame III, Universidade de Santiago de Compostela, en prensa. Resumo en: http://terraeterritorio.blogspot.com.es/2013/10/quien-se-beneficia-del-crecimiento.html

[6] Rodríguez-Egido, K; Tubío-Sánchez, J.M.; Crecente-Maseda, R.: «Entre el amanecer y el atardecer. Gestión urbanística en Salamanca y Lugo», en R. CRECENTE MASEDA e U. FRA PALEO, Territorios a examen III, Universidade de Santiago de Compostela, en prensa. Resumo en:






1 comentario:

  1. Aunque lo parezca, las siguientes líneas no fueron publicadas en El Jueves:


    El feísmo de las casas sin recebar es «una triste especialidad gallega, sentencia Isabel Aguirre, directora de la Escola Galega da Paisaxe, que se hace cruces cada vez que se topa con una de estas edificaciones sin piel. Isabel atribuye esta realidad «que no se ve en Asturias o Cantabria» a una cuestión cultural: «El exterior no se remata porque no hay una conciencia de que eso esté mal. Sin embargo -ironiza-, seguro que los propietarios se acicalan perfectamente para ir a una boda. Pero no se trata de su casa, sino de nuestro paisaje». [1]


    Sin comentarios.

    [1] http://goo.gl/a4L70i

    ResponderEliminar