Sherlock Holmes e o misterio da dispersión urbana en Flandes

12:27 5 Comentarios


Sherlock Holmes ten encima da súa mesa a fotografía desta entrada, e un posit amarelo coa pregunta dun membro do goberno belga que di: «Por que existen esas diferencias entre os elementos territoriais (parcelas, vías de comunicacións, edificacións) e a súa configuración a un lado e outro da liña, cando o territorio que abarca esa foto atravésase camiñando nuns 20 minutos e única diferencia, polo demais invisible, que hai entre elas é que a parte superior pertence a Holanda e a parte inferior á Bélxica flamenca? Holmes observa cunha lupa a foto. Na parte holandesa as infraestruturas obedecen a unha orde xerárquica, os asentamentos son compactos. Non hai parcelas vacantes. A parte flamenca parece un negativo da holandesa: as infraestruturas non teñen xerarquía, hai predios vacantes e algunhas parcelas parecen abandonadas. Os asentamentos son dispersos. Holmes rasca a cabeza e di: «Umm, un caso interesante».

O goberno belga recorreu aos servizos de Sherlock Holmes por unha mistura de desesperación e orgullo ferido. Desde hai case un lustro varios investigadores véñense mostrando incapaces de chegar a un consenso sobre as causas da desorden territorial na Bélxica flamenca en comparación coa veciña Holanda. Son sistemas de planificación moi parecidos. Onde está a diferencia? Holmes aínda que intrigado polo caso, é cauteloso, porque como di en «A banda dos lunares», «é perigoso razoar con datos insuficientes». Por eso chama a Watson para que o acompañe nunha viaxe a Flandes, visitar a escena do misterio e recoller datos en campo.

Durante a viaxe en dilixencia Holmes vai lendo sobre os misterios da dispersión urbana. Revisa a Brueckner (2000), que ofrece a clásica lectura sobre a dispersión que é repetida continuamente na literatura, e que resume as causas da dispersión en tres: 1) crecemento da poboación; 2) incremento da renda e 3) decrecemento dos custes de transporte. Holmes revisa os datos históricos de Holanda e Bélxica e observa que son moi parecidos nestes tres aspectos. Por eso pensa que Brueckner é un deses malos investigadores que «retorcen os feitos para que se adecúen ás teorías, en vez de torcer as teorías para que se adecúen aos feitos». Ese tipo de investigadores xa os coñece ben Holmes desde os tempos de «Un escándalo en Bohemia».

Ao chegar a Flandes recoñece o terreo e entrevístase con algúns investigadores locais que lle dan as súas versións sobre o misterioso feito. A primeira entrevista que ten é co flamenco Halleux et al. (2012), que lle comenta en perfecto inglés as diferentes traxectorias históricas que mantiveron os holandeses e belgas flamencos en relación á propiedade. Holmes quédase coa impresión de que a propiedade privada da terra é máis privada en Bélxica que en Holanda, o que dificulta o traballo do goberno á hora de planificar o territorio. Esa mesma tarde Holmes e Watson revisan o código civil de ambos países e non observan apenas diferencias. Holmes conclúe: «Pista falsa, querido Watson».

Ao día seguinte Holmes entrevístase con de Vries (2015), e recolle a impresión de que o que o explica todo é que Holanda ten unha determinada cultura, e que Flandes, evidentemente, ten outra. Cos seus correspondentes e moi diferentes valores e prácticas. Holmes comprende enseguida que de Vries trata de camuflar o seu descoñecemento sobre o misterio da dispersión en Flandes baixo a cortina de fume da cultura e as súas raíces históricas. Holmes entendía que de Vries non lle era útil para atopar as razóns que explicaban as diferenzas na foto. Era tan ordinario o que lle acababa de contar que alí non podía haber nada o levase unha unha explicación razoable do misterio.

Ao terceiro día Watson xa estaba canso e non vía resposta posible á pregunta que tiñan entre mans. Pero Holmes sae do hotel coa súa enerxía habitual e entrevístase cun holandés, un tal Tennekes et al. (2015). Tennekes coméntalle que Flandes tratou de poñerlle solución ao problema da dispersión cunha lei do solo no ano 97, pero a cantidade de solo clasificado como urbanizable en plans anteriores dificultou a súa implantación. Holmes acendeu a súa pipa e entre os estalos dos mistos dixo: «Aha!». «Prosiga», murmurou despois Holmes. Tennekes continuou comentándolle que en Holanda os municipios teñen incentivos económicos para xestionar o proceso urbanizador, porque gran parte dos ingresos municipais proveñen desa xestión. En Flandes é todo o contrario. Por outra banda, en Holanda a lei prácticamente obriga a que sexa un promotor profesional o que desenvolva a urbanización e edificación, polo que sempre actúan con hipotecas e os seus respectivos intereses que fan difícil que especulen co terreo. En Flandes o propio propietario pode manter as parcelas vacantes o tempo que desexe, pois non ten cargas sobre elas e os impostos sobre a propiedade non son o suficientemente altos na meirande parte dos casos para modificar o seu comportamento. Holmes dille a Watson: «O caso está fechado». Watson sorprendido, pregúntalle por que cre que a explicación de Tennekes ten sentido e as outras non. Holmes non sabe moi ben que responder, pero comenta: «As demais eran demasiado obvias. Incluso tautolóxicas, unha ringleira de pleonasmos onde as conclusións xa estaban nas premisas. Tal como xa dixen en “O misterio do val Boscombe”, non hai nada máis enganoso que un feito obvio».

***

Na súa investigación en Bélxica, Sherlock Holmes esquivou dous tipos de trampas nas que soen caer os investigadores en planificación hoxe en día. A primeira ten que ver con coa idea de que o mercado e os prezos explican de forma case autónoma a ordenación do territorio, reducindo o papel das políticas públicas ao de simple testemuña. Knapp (2007), nunha resposta a Brueckner, comenta o que sería algo obvio para Holmes: que esto aínda ten que ser demostrado por moito que xa se dea por feito. A segunda é a trampa historicista que dilúe nos anaqueis da historia, e nas infinitas interpretacións desa historia, calquera resposta a un proceso territorial actual. Por eso, entre por un lado o economista liberal, e por outro o pensador postmoderno, o investigador en planificación sóese atopar sen ferramentas para entender os desafíos territoriais do presente e, en consecuencia, para proporcionar solucións efectivas.

Esta é a historia de Sherlock Holmes en Flandes estudando a dispersión urbana. Pero en Galicia o problema é aínda moito máis serio. Nos Catálogos das Paisaxes que están agora mesmo en exposición pública identifícase un tipo de paisaxe chamado rururbano que ocupa máis do 5% da superficie galega. Nas grandes áreas paisaxísticas da fachada atlántica este tipo de paisaxe supera o 25%. A principal consecuencia desto é que a meirande parte da poboación galega vive nun tipo de paisaxe que é máis ben o resultado de políticas de xestión territorial moi ineficaces, antes que resultado de incrementos de poboación, de renda ou da popularización do automóbil.

Neste blog xa se teñen comparado as diferencias da xestión territorial entre Galicia e Asturias en sentido amplo (https://goo.gl/qCbdtS), chegando á conclusión de que a fragmentación da propiedade non parece explicativa das diferencias que se observan en Galicia e Asturias. Como lle di Sherlock Holmes ao inspector Lestrade, agora toca ir mirando os pequenos detalles. Para esto nas vindeiras semanas ex-alum@s do masterterra, e agora doutorandos no programa DoctoraTe, sacarán á luz neste blog algúns resultados preliminares sobre estes misterios territoriais. Estade atentos. Os vindeiros capítulos desta saga de investigadores teñen pinta de ser apaixoantes!!


Referencias

Brueckner, J. K. (2000). Urban sprawl: Diagnosis and remedies. International Regional Science Review, 23 (2), 160–171.

de Vries, J. (2015). Planning and Culture Unfolded: The Cases of Flanders and the Netherlands. European Planning Studies, 23(11), 2148-2164.

Halleux, J. M., Marcinczak, S., & van der Krabben, E. (2012). The adaptive efficiency of land use planning measured by the control of urban sprawl. The cases of the Netherlands, Belgium and Poland. Land Use Policy, 29(4), 887-898.

Knaap, G. J. (2007). The sprawl of economics: a response to Jan Brueckner. Toward a vision of land in 2015, 67-88.

Tennekes, J., Harbers, A. & Buitelaar, E. (2015). Institutional arrangements and the morphology of residential development in the Netherlands, Flanders and North Rhine-Westphalia. European Planning Studies 23(11), 2165-2183.


5 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Meses después de ese viaje a los Países Bajos, Holmes y Watson se volvieron a encontrar en España. El segundo había invitado al primero a disfrutar de una semana de asueto en una soleada localidad a orillas del Mediterráneo; el primero aceptó encantado la invitación, ya que así podría olvidar por unos días la lluvia y el frío propios del invierno de su país, una pareja cabrona que no concedía ni un minuto de tregua a los lugareños.

    En un chiringuito playero Holmes y Watson cumplían con la tradición inglesa del té a las 17 horas.

    - ¿Sabía, Holmes, que soy de la opinión de que nuestras investigaciones en Holanda y Bélgica están inconclusas?

    Holmes arqueó un ceja, y al tiempo que sacaba su pipa del bolsillo de su chaqueta inquirió a su amigo.

    - Deduzco, Watson, que ha encontrado preguntas para las cuales los resultados de nuestras pesquisas no ofrecen respuesta.

    Watson relató que el vuelo que había tomado con destino el aeropuerto de Manises (Valencia) fue desviado al de Barajas (Madrid), debido a una avería en uno de los motores del avión. Afortunadamente el aparato aterrizó de emergencia sin más problemas, y a Watson le tocó esperar - al igual que a los restantes pasajeros - en el aeropuerto a que la compañía aérea les diese una solución.

    Durante la tediosa espera, Watson tuvo la suerte de entablar conversación con Miriam Hortas Rico, una investigadora de la Universidad Complutense de Madrid. Hortas Rico se mostró un tanto escéptica acerca de la bondad de que la principal fuente de financiación de los municipios fuese la gestión del proceso urbanizador. En el caso español se trata de un incentivo perverso, porque "sprawl leads to a short-term current surplus, as the increase in current revenues offsets the increase in current expenditures due to public service provision for new developments." [1]

    Watson remató el relato con la siguiente pregunta:

    - Holmes, ¿por qué no es un incentivo perverso en Holanda pero, en cambio, sí lo es en España?



    [1] Hortas-Rico M; 2010; “Urban Sprawl and Municipal Budgets in Spain: A Dynamic Panel Data Analysis.”; Documents de Treball IEB; vol. 43; pp. 1-35

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola Diego,

      pregunta moi interesante. En Holanda tamén é un incentivo, pero non resulta perverso desde o punto de vista territorial porque o incentivo é xerar espazos de calidade. Imaxina que Holanda e España son dúas empresas, e as dúas queren obter beneficios. Pero a estratexia comercial difire. Holanda faino cunha baixa produción, pero de calidade, mentres que España o fai cunha alta produción, pero de pouca calidade.

      Eliminar
  3. È unha historia interesante. Son partidario de aplicar neste tipo de investigación a renta per capita. Últimamente fálase moito da concentración de capital en poucas maus, mais hai outra concentración de capital en poucos territorios, sobretodo espazos urbanos e litorais. Este concentración que se dá a nivel mundial, de capital fomenta unha economía especulativa d cal nos coñecemos moi ben a burbulla inmobiliaria. Paréceme a min que a homoxeneidade económica dos espazos ten máis que ver co abandono do rural que outros factores. As medidas correctoras habería que desglosalas pero se basarían nunha valorización de aspectos da economía rural ligada a ecoloxía. Unha medida importante sería o fomento dos mercados locais, da que estes paises serían un bo exemplo a seguer.

    A difusión de infrastruturas de servicios de comunicación e outros servizos polo teritoriocon sentido e planificación tamén sería importante. Pero estamos nun círculo vicioso no que non hai servizos porque hai pouca poboación e a pobación marcha porque non hai servizos i este círculo só se rompe cunha clara aposta política polo rural, aposta que non se fai porque no medio rural hai poucos votantes.

    Por iso é imprescindible en Galiza un consenso político a este respecto. Doime moito que durante anos con tan só tres partidos significativos en Galiza nunca se chegara a plantexar iste consenso. Esperemos non ter que chegar a unha situación catstrófica, semellante a un xenocidio, para que as cabezas que nos rixen sexan capaces de abrir os ollos a saian da súa cegueira absoluta.

    ResponderEliminar
  4. O desequilibrio territorial en Galicia, entendido como unha maior acumulación de poboación en áreas cada vez máis pequenas, normalmente nas franxas costeiras, non é un fenómeno propio de Galicia. No ano 2006 a poboación urbana superou por primeira vez na historia da humanidade á rural. Sen dúbida esto ten consecuencias medioambientais e sociecónomicas que hai que analizar con detalle. Pero o que é máis característico de Galicia, e que é a día de hoxe un dos seus maiores desafíos territorias, é o práctico abandono de grandes áreas (case poderíamos poñer a totalidade da provincia de Ourense como exemplo) e que este abandono se tivese producido nun período tan curto de tempo como tres ou catro décadas. E por abandono entendemos a falta total de xestión da terra e dos seus usos. Estas dinámicas son máis perecidas ás que se dan en países en vías de desenvolvemento que en países da Unión Europea, exceptuando os países máis orientais. E é sobre esta dinámica sobre a que tal vez deberiamos reflexionar e debater na esfera pública. É o que queremos?

    ResponderEliminar