A errante implantación de equipamentos no eido municipal. O exemplo dos campos de fútbol

21:01 1 Comentarios

Os municipios teñen o deber de prestar determinados servizos públicos para satisfacer as necesidades e aspiracións dos seus veciños, para o cal deberán contar cos equipamentos necesarios. Este deber hase de conxugar sempre co principio de autonomía local, que lles confire a potestade de libre decisión no exercicio das súas competencias.

Por outra banda, estanse a manifestar continuas preocupacións e regulación en relación á eficiencia e redución dos gastos públicos. Na actualidade fálase de políticas de racionalización do sector público, de eliminar duplicidades, de reorganización de competencias, de fusión de municipios, etc. Non obstante vemos con frecuencia novas sobre inversións millonarias en equipamentos que, unha vez rematados, carecen da suficiente demanda ou teñen dificultade de asumir os custos de funcionamento.

A pregunta que se considera entón é a seguinte: É preciso realizar unha previsión e programación de equipamentos nun eido supra municipal? Pensemos por exemplo nas seguintes cuestións: ten o concello información suficiente para poder programalos? É necesario construír unha nova instalación ou é posible utilizar unha existente? Debe xestionar o equipamento conxuntamente con outros municipios próximos ou de xeito individual?

O motivo que deu lugar ao seguinte traballo trata de resolver estas preguntas en relación a unha dotación aparentemente pouco custosa como son os campos de fútbol na provincia de Lugo. A intención foi estudar, nun caso concreto, un equipamento que a priori parece que non ten uns custes moi elevados e que polas súas características podería utilizarse, e polo tanto programarse, nun eido exclusivamente municipal.

En primeiro lugar representouse por medio de catro mapas de información a situación actual sobre a dotación de campos de fútbol na provincia como os metros cadrados de superficie de campo por habitante en cada municipio, o grao de uso das instalacións, o gasto correspondente por habitante e a relación entre o custe das instalacións en cada municipio e o total de ingresos recibidos por cada concello durante un ano. A continuación realizouse, a modo de exemplo, unha proposta para cubrir a demanda existente na provincia, empregando un modelo de localización-asignación. Para elo elíxense aqueles campos, dos existentes, que son necesarios para cubrir a referida demanda, empregando como pavimento céspede artificial, asignando un número máximo de equipos segundo a súa capacidade e limitando o desprazamento a un máximo de 15 km a través da rede viaria. Por último, comparamos os resultados obtidos na proposta cos resultados correspondentes á situación actual.

Na actualidade a provincia conta cun total de 140 campos de fútbol. O número de equipos na provincia é de 284, e a capacidade das instalacións no seu estado actual é de 259, é dicir, que a demanda total é superior á capacidade das instalacións en case un 10%. O custe de construción e mantemento das mesmas, considerando un período de 30 anos, é de 86 millóns de euros.

Coa proposta realizada, a cal ten como obxectivo a distribución máis eficiente dos campos de fútbol para atender á demanda actual, cun total de 54 campos teríamos capacidade para 376 equipos, superando á demanda nun 32%, e un custe de 45 millóns de euros, case a metade do actual. Este gasto refírese soamente á superficie dos campos (construcción e mantemento do céspede), e non inclúe vestiarios, gradas, valados, consumos de auga e luz, accesos, polo que o aforro no seu conxunto sería aínda maior. En resume, a provincia de Lugo pode ter un terzo dos campos actuais mellorando a oferta para os equipos de fútbol existentes, e coa metade de custes.




En canto aos resultados municipais, o maior custe por habitante pasaría de 2.152 €/hab a 645 €/hab, e o maior esforzo económico suporía un 67% en lugar do 262% actual (o gasto necesario para a construción e mantemento das instalacións durante un período de trinta anos neste municipio é igual, na situación actual, á suma de todos os ingresos do concello correspondentes a máis de dous anos e medio). Todo elo garantindo que o grao de uso das instalacións non superaría a capacidade das mesmas, mentres que na situación actual o maior valor é de 4,5, o que significa que neste caso o uso supera 4,5 veces a capacidade das instalacións.

Vendo estes datos e en resposta á pregunta inicial, parece claro que un análise a nivel supra municipal permite, dun xeito sinxelo utilizando técnicas de análise espacial, obter datos de grande utilidade para poder planificar e programar actuacións que melloren a eficiencia e equidade en relación á prestación de servizos públicos. Por outra banda este estudo móstranos que as entidades locais non parecen utilizar as leis de oferta e demanda para asignar equipamentos municipais, polo que nos leva a outra pregunta de investigación: cales son os criterios que usan entón para implantar equipamentos?

Ana Belén Mera

Ex-alumna do masterterra e

actualmente alumna do programa de doutorado en

Xestión Sostible da Terra e do Territorio




1 comentario:

  1. titanium arts
    TATONIC ART ventureberg.com/ CUSTOMING 토토 사이트 코드 · TATONIC ROCKING T-TATONIC ROCKING T-TATONIC ROCKING dental implants T-TATONIC. This unique and https://septcasino.com/review/merit-casino/ original design is crafted with the use of sustainable

    ResponderEliminar