Terra, xente e ideas para un agro con futuro
Estase falando do
sector agrario galego, en concreto dun dos seus principais piares, o lácteo. Tristemente,
debido á crise de prezos do leite. É agora cando se fala da estrutura do
sector, da súa competitividade, da organización da cadea dende os produtores
ata a gran distribución, pasando pola industria. Fálase do marco comunitario,
dos mercados globais, das responsabilidades duns e doutros. Como se non houbese
sector lácteo antes, nin sector agrario, e como se ambos non fosen estratéxicos
e fundamentais, xa antes, para o país, a súa economía, emprego e territorio.
Antes estaba todo ben?
A agricultura galega
transformouse dramaticamente no último medio século. Dise que se modernizou, basicamente
con tres procesos paralelos. Unha mecanización intensa, coa que o número de
tractores se multiplicou por cento oitenta –oito tractores máis ó día nos
últimos 50 anos!-; unha forte intensificación para á que, por exemplo,
necesitamos hoxe cinco veces máis fertilizantes nitroxenados e, finalmente,
unha clara especialización gandeira, sobre todo no vacún de leite, que aumentou
un 400% e xa supón arredor dun tercio da produción final agraria galega. Polo
camiño perdéronse o 93% das persoas ocupadas na agricultura, que os economistas
chaman, convencidos, a substitución de man de obra por capital e, en paralelo, deixaron
de traballarse en Galicia oitenta e oito mil hectáreas de labradío e de pacerse
unhas seiscentas mil de pastos.
Todo iso para un
incremento do valor da produción de pouco máis do dobre. Non parece unha gran
colleita para semellante catarse. Ese relativo baixo incremento do valor débese
a que producimos máis, pero necesitamos moitos máis insumos que antes para
facelo. Entón, especializámonos moito e substituímos terra e xente por
tractores, adubos e pensos. En parte foinos ben, pero agora é momento de
repensar os fundamentos dese cambio para encarar o futuro con garantías. A
alternativa non pinta ben.
Lembremos que o cerne
da agricultura é, sempre, a terra e quen a traballa. Que ademais deberá dispoñer
do coñecemento e tecnoloxías máis avanzadas, ollo, de acordo ás condicións
biofísicas, organizativas e estruturais de cada territorio. É dicir, non serve
importar ou copiar trevellos e modelos doutras latitudes; poden funcionar ben
aló e seren nefastos aquí. Diso deberíamos ter aprendido algo.
Poderemos ter un
sector agrario produtivo e sostible se o centramos na terra, nas persoas e na
innovación apropiada.
Na terra, sendo
conscientes de que o solo de boa aptitude agraria é un recurso escaso e estratéxico
e que hai que protexelo con determinación e visión de futuro. Non só por ser a
base do sector agrogandeiro senón como condición indispensable para garantir a
sostibilidade do país dende un punto de vista económico, social e ambiental.
Tendo en conta as tendencias, cunha perda do 15% da superficie agraria útil nos
últimos 20 anos, esta é unha tarefa que non podemos adiar máis.
Nas persoas, sabendo
que o descenso no número de agricultores non é, como ás veces aínda se di, unha
condición necesaria para a axeitada re-estruturación do sector nin tampouco un
signo de desenvolvemento do país. Esa é unha visión rancia e miope. Ninguén
considera a Francia, Alemaña ou Italia países atrasados, e teñen un 2% máis de
agricultores por kilómetro cadrado que Galicia. Non por iso deixan de ser as
principais economías europeas e, atención, tamén as principais potencias
agrarias.
É imprescindible potenciar
a incorporación á agricultura de persoas coas capacidades axeitadas. Repensemos
as políticas de re-emprazo xeneracional. As actuais subvencións para
investimentos non solucionan obstáculos clave. Apoiemos novos modelos de
negocio, facilitemos a entrada a persoas que, vindo doutros ámbitos laborais, vexan
na agricultura un futuro real –o re-emprazo do propio sector non chega-;
impulsemos novos xeitos de organización –hai moitas formas de agricultura
posibles e tipos de agricultor viables- e, sobre todo, parece mentira que haxa
que dicilo, melloremos a capacitación tanto técnica como de xestión e o
espíritu innovador. E todo iso esixe acompañamento e estruturas de
transferencia, formación e innovación que, na actualidade, van a menos en lugar
de ir a máis. Tremendo.
Na innovación, nas
ideas. Diversifiquemos en producións e nas súas liñas de negocio. A quen lle
sona iso de que o sector lácteo galego ten que producir algo máis que leite
líquido?. E Galicia pode e debe ser algo máis que unha potencia leiteira –no top10 europeo, por certo-. Apliquemos ou
desenvolvamos tecnoloxías e técnicas acaídas ás nosas condicións, sen perder de
vista a cales das demandas globais podemos respostar mellor. Por exemplo, onde
mellor que en Galicia se pode apostar por producións singulares de calidade
diferencial?. Podemos pensar novas
formas de organizarnos que melloren as condicións de traballo, que faciliten o
intercambio de coñecementos, que potencien a aparición de sinerxías e, en
definitiva, que creen un auténtico sector con conciencia de seu.
Para isto, só as palabras,
como estas, non fan nada, nin aínda que vaian no DOG.Artigo publicado o 26/07/2015 no Faro de Vigo
0 comentarios: