Preámbulo ou epílogo?

19:41 7 Comentarios


Seica lendo a exposición de motivos (o preámbulo) das leises se coñece o espíritu das mesmas, aquel sentido último que clarificará as ambigüedades que nos artigos a seguir poidan xurdir, e onde se adoita facer unha pequena diagnose do ámbito sobre o cal se lexisla, se debuxa a visión do futuro perseguido e se xustifican as estratexias e instrumentos plantexados. Vaia, que se sabe “en que estaba pensando o lexislador”. Do que ás veces non somos conscientes, é que a través do preámbulo tamén podemos coñecer o estado de ánimo do lexislador. Por exemplo, lendo o da Lei de Montes de Galicia sabemos que estaba de moi bo humor, mesmo excelente. De ser así, o mundo resulta ser de “cor rosa”. Ó menos no sector forestal galego.
A diagnose que nos atopamos é que Galicia é “a maior potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa. A súa superficie forestal arbolada representa o 48 % da totalidade da Comunidade Autónoma [1], superando as 1.400.000 hectáreas e cunha alta produción de madera, cercana ó 45 % da produción nacional”. Atopámonos entón cun sector aproveitando a metade da superficie galega. E, según o lexislador, ese aproveitamento ten unha repercusión económica, en termos  de emprego e riqueza xerada, ambiental e social, de primeira liña, e “non sempre adecuadamente ponderada”. En base a iso, o “obxectivo básico plantexado” polo lexislador é “o incremento da masa arborada en cantidade e calidade” . Se nos vai tan ben cunha cunca, pois que sexan dúas! Galicia, potencia forestal.
Nun momento de loable optimismo, o lexislador asocia ese futuro incremento da masa arborada a “impulsa-la organización do territorio galego, equilibrando os usos do solo, permitindo un adecuado aproveitamento dos recursos e, ó mesmo tempo, colaborando no mantemento das explotaciónes agrarias existentes, axilizando a súa posibilidade de crecemento e a consolidación como factor básico que minimice, na medida do posible, o abandono do rural e consiga frea-lo envellecemento demográfico e o despoamento” Todo esto logo de facer unha reflexión de gran interese: “A presente lei xurde nun momento no que o abandono agrario segue a tendencia ó incremento da superficie forestal”. Perfecto. Como se entende? En que quedamos? Hai regresión de explotacións agrarias, queremos equilibrio de usos, pero un obxectivo básico é incrementa-la masa arborada. E neste punto un decátase de que o lexislador non está pensando. Está soñando. Ou directamente está confundido ou pretende confundirnos.
Sen entrar en detalle aquí nos datos macroeconómicos que se barallan [2], poñer as cousas en perspectiva é necesario cando realmente se quere facer unha norma que mellore a realidade. O noso lexislador esquence outras cifras de interese.  Según datos do mes de setembro, hai en Galicia 1 afiliado no sector forestal por cada 258 hectáreas de superficie arborada, e  1 afiliado no sector agrogandeiro por cada 17 hectáreas de SAU [3],[4].  En relación ó Valor Engadido Bruto (VEB) resultan 2.180 €/ha para SAU e  325 €/ha de superficie arbolada [5].  É dicir, cada hectárea de SAU xenera na actualidade 15 veces máis emprego directo e case 7 veces máis riqueza que cada hectárea arborada.  Entón, nunha situación como o actual, de querer mobilizar superficie improdutiva e incrementar algunha das “masas”, cal sería máis estratéxica en termos de emprego e riqueza? Antes de pensar en aumentar a masa forestal non deberíamos pensar como mellorar a súa xestión e rendemento? Como aumentar o emprego e a riqueza dunha parte tan importante do noso territorio? Niso non se centraron as reflexións do lexislador no preámbulo. Porque podería ter aproveitado nese momento para dicir que, sendo o aproveitamento desas masas claramente subóptimo [6], sendo a forestación unha das vías polas cales se está a perder superficies agrícolas nun momento no que máis as necesitan as explotacións galegas [7], un dos obxectivos prioritarios debería ser reorienta-lo sector forestal cara unha mellor valoración da xa abundante superficie forestal, buscar a súa mellor integración territorial nunha malla armónica de usos agroforestais, e pensar no mesmo como unha parte máis, inseparable, dun desenvolvemento rural equilibrado. Pero non, o lexislador di que “o incremento da masa arborada constitúe un obxectivo básico”.
O lexislador, gran observador, tamén é consciente de que “a importancia do sector forestal non reside só nas cifras macroeconómicas, claros expoñentes da súa importancia, senón que desempeña unha función básica na fixación da poboación no rural”. Ajá. E, gran coñecedor da Terra Cha, pon esta comarca como un dos exemplos reseñables. Todos os que nos paseamos pola Pastoriza, Castro de Rei ou Cospeito somos conscientes  de como esas plantacións de eucalipto que con gran esforzo tratan de facerse oco aquí e acolá son os piares sobre os que se mantén o tecido produtivo e as que garanten o mantemento do emprego e a fixación de poboación. Abofé que si. Pero, polo que poida vir, mellor non esquecer que a Terra Cha é unha das comarcas agrogandeiras máis importantes de Galicia, en termos de SAU, emprego agrario e cunha economía baseada en grande medida, sen lugar a dúbidas, no sector de vacún [8] (tanto de leite, no que é a principal comarca produtora, como de carne). Mesmo noutras comarcas citadas, como a Fonsagrada, Verín ou A Limia, sería interesante ver que concellos e parroquias amosan máis dinamismo e cales son os sectores produtivos base dese dinamismo. Vaiamos máis aló das cifras. Pensemos no tipo de emprego que cada un dos sectores xenera. Pensemos no tipo de conexión dese emprego co entorno no que se desenvolve. Pensemos onde se reinvirte a riqueza xerada nun e noutro. Podería aproveitar o lexislador aquí para manifestar que é necesario favorece-la pequena industria da transformación pegada ó territorio, que é necesario diversificar as especies, os produtos e as liñas de negocio asociadas ás superficies forestais que dinamicen a aparición de novos emprendementos con maior valor engadido, que hai que cambiar de rumbo a actual filosofía extractiva e neo-colonial (en moitos sentidos) imposta polo binomio eucalipto-celulosas, que temos que reflexionar cando vemos que no período 1994-2010 as cortas de eucalipto pasaron dun xa preponderante 39% do total do volumen ó  maioritario 51%, cun aumento medio do 4% anual [9]. Pero o lexislador segue a pensar que  “o incremento da masa arborada constitúe un obxectivo básico”.
Por suposto, o noso lexislador sabe que “ademais da importancia económica e social referenciada en Galicia, [o monte [10]] ten unha función medioambiental que se recoñece e acrecenta progresivamente”. Agrádanos ver que o considera “un elemento básico da estratexia ambiental como reservorios e depósitos de fixación de carbono”, ou que é “un espazo que determina a paisaxe e a identidade da nosa comunidade, a á vez que ten unha compoñente social de recreo, de lugar de encontro, lúdico e de disfrute dos cidadáns”. Entón, esperaríamos que o lexislador fixese referencia á forte necesidade de re-orientar as tendencias na evolución das masas forestais en canto a composición específica, reemprazo e madurez. Á necesidade de mellorar o cumprimento das normas xa existentes (sexa facéndoas máis sinxelas ou claras, aumentando a sensibilización e concienciación comezando pola propia Administración, ou facendo máis eficaces e eficientes os mecanismos de control) e de “humanizar” a explotación do monte, para que as actuacións de “arramblar con todo” non proliferen como o fan agora e non se escoite, dalgún dos propios “xestores forestais”, cousas como: “falo en contra miña, pero somos uns terroristas do monte, non respetamos nada, balados, pistas, cunetas… nada, e falo en contra miña eh!” [11]. Poderíase aproveitar o preámbulo para apostar enerxicamente por unha transformación en positivo do sector xestor, por unha sensibilización e por unha responsabilización dos diferentes axentes que interveñen no territorio. Podería afirmarse que queremos pasar da explotación á xestión, do expolio á valorización. E seguro que algo se podería dicir da paisaxe, de como o azul-verdoso-grisallo pode ser bonito, pero que tamén hai outras tonalidades ben guapas. Un par de parágrafos poderían adicarse á necesidade dunha nova estratexia na xestión territorial contra os incendios forestais, e para aumentar a resiliencia ó cambio climático, apoiándose talvez no fortalecemento das superficies agrarias e da potenciación das sinerxías agrícolas-forestais.  Pero para iso o lexislador tería que falar do sector forestal que hai,  e non da súa edulcoración. E no que está pensando o noso lexislador é en que “o incremento da masa arborada constitúe un obxectivo básico”.
Logo disto, talvez o lexislador non estivese escribindo o preámbulo dunha nova Lei de Montes. Cecais se trataba, pola contra, do epílogo dunha política forestal anunciada, coñecida e consolidada, e que por desgraza non nos fai unha potencia forestal, senón que nos deixa pensando no potencial forestal que temos, pero que todavía non somos capaces de desenvolver. Ou talvez neste preámbulo, coa intención de non alongarse, non se reflexaron con claridade tódolos seus pensamentos, pero estes inspirarán o espíritu co que a Lei se aplicará. En todo caso, deixaremos que o lexislador siga pensando, porque máis que nunca Galicia precisa do seu sector forestal, igual que precisa da súa agricultura e gandería [12]. Só coa suma de tódalas partes temos o todo que nos fai potencia.

[1] Aínda que os últimos datos de actualización do SIXPAC (FOGGA, 2012) indiquen realmente un total de 1.100.083 ha arboradas, o que representa aproximadamente o 37% do territorio galego.
[2] Que son difíciles de discutir, dado que non se mencionan as fontes. Non se trata de restarlle importancia ó peso do sector forestal, pero adorna-las cifras só conduce á autocomplacencia e á xeración de falsos tópicos. Por exemplo, fálase de que “a industria de transformación da madeira […] proporciona emprego directo a máis de 22.700 traballadores e constitúe o sector industrial que maior emprego xenera na comunidade, cun 12 % da poboación laboral activa”, cando según as Contas Económicas de Galicia (IGE, 2008), sectores como o da Industria da Alimentación e Bebidas (con 34.000 empregos directos), o da Fabricación de Vehículos (con 31.000 empregos) ou o da Metalurxía e produtos metálicos (26.000 empregos) superan de xeito significativo esas cifras. O mesmo se podería cuestionar cando se fala de 15.000 empregos directos vencellados á produción primaria. 
[3] IGE, 2012. Datos de afiliación á SS por sectores de actividade. Afiliados á SS en setembro no subsector da selvicultura: 4.261, afiliados ó sector agrogandeiro: 44.418.
[4] SIXPAC-FOGGA, 2012. Datos de usos (SIXPAC-FOGGA, 2012): superficie forestal arborada: 1.100.083 ha, mato: 840.613 ha, SAU: 751.891 ha.
[5] IGE, 2012. Contas Económicas de Galicia, 2008. Téñense en conta só as hectáreas arboradas, e non as 840.000 ha a mato que o no ámbito forestal se acostumbran a considerar “como superficie forestal”. Se as tivesemos en conta no cálculo, o VEB sectorial/ha sería de tan só 184 €/ha.
[6] O volumen de corta actual é significativamente inferior ó potencial para a capacidade produtiva das masas existentes.
[7] Dende o ano 1985, 233.000 ha de SAU pasaron a ser superficie arborada, moitas delas forestadas con plantacións de piñeiros e eucaliptos e, en total, perdéronse un total 145.000 ha de SAU. (Corbelle, 2012)
[8] No ano 2008, según datos da Consellería do Medio Rural, había un total de 4.081 explotacións de bovino na Terra Cha, sendo a comarca galega con maior número delas. Según o IGE (2012),  hai uns 3.600 empregados na agricultura, evidentemente fundamentalmente no sector gandeiro á vista dos datos anteriores. A SAU ocupa arredor do 40% da súa extensión, sendo unha das porcentaxes comarcais máis elevadas en Galicia (sendo a 10ª no ranking de 2003, según datos do SIXPAC-FOGGA).
[9] IGE, 2012. As cortas anuais no 2010 (en metros cúbicos con cortiza) foron de 3,5 millóns para eucalipto (51%), 2,43 millóns para P. pinaster (35%), 0,67 millóns para outras coníferas (10%) e 0,22 millóns para outras frondosas (3%).
[10] E non entramos aquí a discutir a utilización que se fai dos termos “monte” e “forestal”, porque para iso teríamos que coñecer que diccionario de mesa ten o noso lexislador.
[11] Reflexións feitas por un “maderista” facendo un aproveitamento forestal no concello de Riotorto (outubro 2012).
[12] Pensando nos tres sectores primarios básicos no rural galego.

7 comentarios:

  1. Nunha socidade democrática, serán as leis o reflexo do que a sociedade desexa?

    ResponderEliminar
  2. No se entiende, históricamente, una explotación rural sin la intima relación de las labores agrarias, ganaderas y forestales. Hoy, esto ha cambiado profundamente, por la especialización que las explotaciones han ido tomando (orientaciones productivas).
    Eso hace que el “monte” se transforme muchas veces en un “cultivo” más, como es el caso de las plantaciones de eucalipto, y más concretamente el zonas como el “a Terra Cha” y pierda esa condición de bosque.
    Considero un error contraponer los intereses del los distintos aprovechamientos del medio, enfrentar al sector forestal con el agrario o ganadero, nunca ha sido así.
    Con relación a la generación de empleo y generación de rentas, los ingresos de las explotaciones siempre se conformaron con ingresos agrarios o ganaderos y complementos de aprovechamientos forestales.
    No podemos olvidar la intima relación del sector agrario (en el más amplio sentido) con el medio ambiente y su labor multifuncional.

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  4. Poden selo ou non selo. Depende. Pero o que si fan, ou poden chegar a facer, é modificar os desexos da sociedade…
    Asumamos que ó lexislador lle “bailaron” algo os números ou non os contextualizou todo o ben que debera. A exposición de motivos é a parte na que pode fuxir de formalismos e tecnicismos e da complexa instrumentalización e incardinación dispositiva, inintelixibles para a o cidadán común… na que se xustifica a lei con máis ou menos tino. Algo así como… solucionar problemas e/ou aproveitar oportunidades, non si? Unhas pinceladas de marketing, oratoria e discurso “dirixido” están permitidas, máis se as apoiamos en datos e cifras oficiais que nos avalan e nos conveñen.
    Pois ben, podemos acusalo de moitas cousas (algunhas pouco éticas, incluso) PERO o lexislador desta lei fai algo tremendamente elocuente, máis sabendo que é a parte da lei que vai chegar á maioría da cidadanía (vía prensa, moi posiblemente) e que outras non fan: transmite OPTIMISMO, vende unha oportunidade, “somos unha potencia forestal!!”
    Podemos concentrarnos nas cifras, ata incluso, habería quen rebatise sen faltarlle razón que as aquí expostas tamén deberían estar “mellor” contextualizadas e poderían ser “puntualizadas”, pero non creo que lle digan nada ó propietario absentista ou ó gandeiro recén xubilado (nin tampouco a parte dispositiva) pero si a mensaxe e o discurso motivador (exposición de motivos, que motiva): somos unha potencia forestal!!!
    A ninguén lle gustan as molleiras nin as paisanas cotillas e metiches pero a todos nos gustan os anuncios do GADIS.
    Se tan pouco nos gusta o gris-azulado na nosa paisaxe, non sei... igual habería que comezar a poñer algo de optimismo na parte expositiva do resto de leises?? (máis vendo que tamén tedes cifras que vos apoian). Así, igual algún día os cobertizos, galpóns e comedoiros para o gando nos pastizais chegan a ser de madeira e non de metal e chapa…

    ResponderEliminar
  5. Non sei con que quedarme, si con que moita xente xa non comulgamos con rodas de muiño, ou con que simplemente outra moita non comulga. Con este comezo de comentario, queda claro que non entrarei a criticar unha análise seria fundamentada na exploración de datos obxectivos e públicos, nin tampouco a alabar o preámbulo dunha lei cuia exposición de motivos se parece moito a unha campaña comercial, por máis poder de convicción que éste teña. Parece que os papeis estivesen cambiados, o do blog no DOGA e o do DOGA no blog, en contido e en forma. Os equipos lexisladores teñen a obriga constitucional, e ética, de lexislar para todos e todas, por moi grande que sexa a lexitimación electoral que os respalde, cada indivíduo dispón dos mesmos dereitos e obrigas, en base á liberdade de poder elixir aos seus representantes cada curtos periodos de tempo en procesos electorais (eso si, en necesidade de mellora); aquí reside a infinda riqueza do estado de dereito, que se plasma en leis, co espíritu común de mellorar a sociedade en tódalas súas dimensións. A trascrición das leis, nos documentos oficiais dos gobernos, non poden dar lugar a subxectividades, e fano sempre que non se fundamentan en datos públicos e obxectivos extraidos dos poderes informativos oficiais, e sempre que se introduce terminoloxía periodística.
    Nin son lexislador nin analista, pero ao equipo de redactores da lei en cuestión (moi cohesionado ou influenciado a xulgar pola contundencia de certas afirmacións), cando menos, fáltalle visión de base, de feitos tan simples coma a xestión da fauna libre, do control do lume no verán, ou do custo cuasi inútil que este enxendra… nunca chocaron cun xabarín? Nunca viron en risco a vida de xente pola cercanía de incendios forestais? Por qué sucede todo isto? É parte esencial desa potencia?

    Saúde e xuixo para todos

    Marcos Vázquez

    ResponderEliminar
  6. Boas,

    Sei que o voso departamento traballa incansablemente na Xestión do Territorio, e dados os problemas actuais, principalmente no sector vacún, agravado se cabe no gando leiteiro, estou intentando recopilar datos para facerme unha composición de lugar, porque entre uns e outros, pérdense os folgos en falar e non en actuar. Eu, a primeira.

    Como dicía, dado o voso coñecemento do territorio galego, quixera facervos algunha preguntas:

    Partindo do suposto de que as fincas clasificadas no SIXPAC como Pastos ou Terras Arables (PS ou TA) son realmente aproveitadas para cultivos principalmente de pradeiras ou millo, para o sustendo do gando, e que as clasificadas como Forestais (FO) son madeirables, e polo tanto non admiten ningún aproveitamento agropecuario, ¿tedes algún dato do total de superficie clasificada como Pasto Arbustivo (PR)? ¿hai algunha estimación de cántas de esas hectáreas se están a aproveitar para o pastoreo do gando? E por outra banda ¿cántas hectáreas de PR se están a declarar na PAC? ¿cántas de estas has se están realmente aproveitando? E digo aproveitando, porque a efectos da PAC é suficiente con que un pasto arbustivo esté mais ou menos limpo ou desbrozado, aínda que non haxa un aproveitamento real. ¿ou cántas de esas hectáreas declaradas teñen incumprimentos?

    As explotacións están faltas de terra, esto é un feito. Pero, ¿realmente non hai terra dispoñible? ¿é só un problema de arrendamentos (que tamén)? Dados os prezos do leite, ¿o problema é que xa non se pode invertir en alugar fincas ou poñer o monte baixo a producir a curto - medio prazo, porque xa non hai mais para pagar? ¿é un problema de competencia cos terreos forestais (en canto a superficie, outra cousa sería eliminar os enclaves forestais dos prados)?

    Despois de todos os estudios que tedes feitos, ¿poderías darme un par de pinceladas de cales creedes que son os principais problemas de por qué lles custa tanto ás explotación poder incrementar a súa SAU?


    En canto a nova lei de montes: en todos os foros estou a escoitar que esta lei é un agravio de cara ás explotacións, pois facilita a forestación de todo tipo de cultivos. Sen embargo, despois de ler o articulado a min pareceme entender que agora os prados están mais protexidos.¿tedes participado vos dalgún xeito na elaboración da lei? ¿por qué é agora mais perxudicial para os nosos gandeiros?

    Gustaríame coñecer as vosas valoracións cara estes temas, sabendo que non é este, nin moito menos, o único que se debera analizar e que as explotacións galegas non son as grandes responsables do problema que teñen.

    Estas cuestións non son opinións nin pretenden entrar a debate, están aquí expostas por que se me suxeriu que a mellor maneira de ser respostadas é incluíndoas neste foro.

    Motísimas grazas e un saudo.


    ResponderEliminar
  7. Con la tramitación de la Solicitud Unificada, los agricultores y ganaderos, identifican todas las parcelas y recintos que conforman su explotación. Por ello sin duda se conocen los datos que tú pides, número de parcelas y recintos según su uso.

    La tendencia es mirar más la tierra y desligarla de las producciones, reflejado esto en las directrices para el nuevo periodo comunitario, dan mayor importancia al uso del suelo y mantenimiento del mismo en buenas condiciones medioambientales.

    Insistes en conocer esos datos de forma real, las declaraciones que realizan los agricultores sin duda son reales, y para eso las ayudadas comunitarias tienen unos planes de controles perfectamente regulados. Son datos oficiales y facilitados por las personas que realizan las labores y trabajos agrarios. Nunca antes manejamos tanta información sobre los usos de la tierra.

    En España, el FEGA, hace publica la superficie que declara cada una de las comunidades autónomas, te puedo decir que para Galicia en 2010, escasamente se declaro el 20% de su superficie (los datos de todas las CCAA los tengo publicados en mi Blog).

    También merece ser recordada la política comunitaria de forestación de tierras agrarias, que fomentaba el cambio de uso de superficie agraria a forestal, aplicada con diferente intensidad en las Comunidades Autónomas.

    Las prioridades han cambiado y los objetivos de la PAC con ellos.

    Saludos

    ResponderEliminar