Ourense, un pequeno centro urbano e unha gran perifieria en declive

12:28 0 Comentarios


Ante o marco actual, no que as axudas ao medio rural e as actividades que no mesmo se desenvolven, resultan de vital importancia para a súa supervivencia, resulta transcendental coñecer a realidade das zonas as que se destinan estas axudas. Non só resulta axeitado coñecer cales son os territorio máis desfavorecidos, senón que é moi necesario coñecer cales son os seus sectores produtivos, a súa estrutura social e unha serie de variables que os caractericen para realizar un reparto que optimice estas axudas.
O obxectivo do traballo é realizar unha clasificación dos diferentes concellos de Ourense en función das súas características demográficas e económicas, para a continuación realizar unha caracterización dos diferentes grupos. Ademais, creouse unha aplicación SIX de xeito que se obtén un mapa cos diferentes concellos e a súa clasificación, así como os datos empregados para chegar á mesma.
A metodoloxía parte da obtención de diferentes datos estatísticos dos 92 concellos da provincia, a partir de fontes como o Instituto Nacional de Estadística, o Instituto Galego de Estatística e o anuario económico de España 2012, elaborado por La Caixa. Estas 24 variables estudadas, foron distribuídas en dous grandes grupos, co gallo de obter un índice económico e un índice demográfico para cada concello.
Para obter estes dous índices, realizouse unha estandarización de tódalas variables. Isto fíxose dándolle puntuando cun 0 a aquel valor máis representativo para un concello de carácter rural, e cun 1 ao que representa a un concellos de características urbanas. Tendo en conta que, para definir as diferenzas entre as áreas urbanas e rurais, as variables teñen unha importancia diferente, aplicáronselle certos coeficientes de ponderación. A suma de todos os valores de cada unha das variables (multiplicados polo seu coeficiente de ponderación) para cada un dos concellos, dá como resultado o valor destes índices.
Os valores obtidos foron representados nunha gráfica de dispersión, onde cada punto representa un concello diferente. Deste xeito, aqueles puntos que se atopan próximos dentro desta gráfica, representan concellos cunhas características semellantes.
O resultado obtido foi unha clasificación dos concellos en tres diferentes tipoloxías: concellos de marcado carácter rural, concellos de carácter intermedio e concellos de carácter urbano. A grande cantidade de concellos de marcado carácter rural (78 dos 92 concellos da provincia), fixo que estes fosen divididos en cinco subtipo, co propósito de analizar polo miúdo os diferentes concellos. Dentro dos concellos de carácter urbano, os concellos de Ourense e Barbadás destacan notablemente sobre os demais, polo que esta tipoloxía tamén foi dividida en dous subtipos, sendo no subtipo B no que encadraron estes dous concellos.

A principal conclusión que se extrae do traballo é o marcado carácter rural da provincia de Ourense, onde a perda demográfica e a escasa diversificación económica son unha constante. Ademais compróbase que, algunhas capitais comarcais, non gozan da importancia a nivel local que deberían, polo que unha iniciativa en prol de recuperar esta importancia, conseguiría crear unha provincia con múltiples centros, freando o centralismo que a caracteriza.

Javier Feijoo Cortizo

0 comentarios: