Solo industrial baleiro en Galicia. Enchendo o futuro?*

14:38 0 Comentarios



Dende hai un tempo existe un debate en Galicia en relación a proliferación de polígonos industriais nos concellos. Unha percepción xeneralizada é que actualmente existe unha sobreprodución de solo industrial (El Progreso, 2012; La Voz de Galicia, 2015; Diario de Pontevedra, 2016). Ao mesmo tempo que as empresas parecen reclamar de forma contraditoria coa percepción anterior, máis solo dispoñible para edificar.

Cremos necesario afondar neste aparente paradoxo, pois a planificación do solo industrial resulta relevante polas implicacións na transformación do territorio e o desenvolvemento de actividades económicas do sector industrial. Os solos industriais galegos foron desenvoltos na súa maioría pola administración pública, concretamente a autonómica. Nun primeiro período ata principios dos anos 90 foron promovidos pola Entidade Pública Empresarial de Solo (SEPES) e a Sociedade Industrial de Galicia (SIGALSA). Trala aprobación do primeiro Plan de Solo empresarial de Galicia no ano 1991, o SEPES desenvolveu solo na periferia das cidades, e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na costa e no interior. A planificación do solo dende administración autonómica continuou co Plan de Reactivación Económica de Galicia (2003) do goberno de España e co Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia (2004) modificado polo Plan Galiza Suma (2005) que despois do afundimento do Prestige tiñan como obxectivo unha maior racionalización do solo. En 2010 a Xunta de Galicia iniciou a elaboración do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (PSOAEG), aprobado en 2014.

A pesar da existencia das mencionadas políticas e planificación pública, en Galicia a proporción de solo executado e ofertado terminou por desbordar as previsións inicias de demanda de solo realizadas pola propia administración promotora. A Consellería de Vivenda e Solo estimaba a demanda de solo produtivo para o período 2006-2015 en 3429 ha para un escenario de mínimo, e en 4637 ha para un escenario máximo (Vence et al., 2007). O que terminou sucedendo segundo os datos proporcionados polo Ministerio de Fomento a través do Sistema de Información do Solo en España (SIOSE), foi a clasificación de 6900 ha de superficie bruta de solo catalogados como “polígono ordenados”. A cantidade de solo existente supera amplamente o escenario máximo previsto pola Consellería de Vivenda e Solo, e desvela ao mesmo tempo a existencia dunha alta proporción de solo sen edificar: aproximadamente a metade dos polígonos galegos contan cunha ocupación inferior ao 50%, dos que 1500 ha brutas corresponden a unha ocupación nula.

A situación actual do desenvolvemento dos polígonos industriais pódese observar na seguinte táboa:



Dos polígonos industriais que agora mesmos están finalizados, as porcentaxes de ocupación por organismo promotor móstranse na seguinte táboa:


O número de parcelas baleiras pódese observación na táboa a continuación:



As diferentes porcentaxes de superficie baleira ente administración autonómica e a estatal ten que ver en parte co feito de que as estatais son máis antigas e tiveron máis tempo a ocuparse.


Por que se produce mais solo industrial do que se ocupa? 
A conclusión á que chega o traballo despois de analizar os datos, revisar a literatura internacional sobre a materia e entrevistar os principais actores involucrados no proceso de clasificación, desenvolvemento e compra de solo industrial, son bastante unívocas. Os resultados obtidos na análise dos polígonos amosan como o 43% dos municipios galegos contan con polígonos industriais o que conxuntamente ás políticas levadas a cabo na Comunidade Autónoma suxire a existencia de criterios xeográficos na distribución territorial á hora de crear solo industrial. No seguinte mapa obsérvase con suficiente claridade a dispersións de polígonos industriais asociados ás principais infraestruturas de transporte.
A lóxica de desenvolvemento é clara. A construción de vías de comunicación é a condición necesaria para que un promotor vexa unha oportunidade para fomentar solo industrial. O solo industrial baleiro soe ter acceso a vías de comunicación, e está á espera. É evidente que a sobreoferta de solo industrial se debe a que existen máis motivos que o de satisfacer unha demanda. No caso dos concellos un destes motivos é a crenza que leva a vincular a existencia de solo industrial co desenvolvemento económico. No caso da promoción autonómica, baixo a presión a miúdo dos concellos, preséntase como motivo a creación de solo industrial dispoñible de forma inmediata co obxecto de cubrir o custe de oportunidade que supón a súa carencia no caso de que unha empresa se quixera implantar nunha determinada localización. Deste xeito, o funcionamento mediante a existencia dunha bolsa de solo baleiro dispoñible presentase como mecanismo de resposta, e esta é dimensionada segundo o PSAEG de acordo ás vendas de solo producidas durante o boom inmobiliario, dando lugar a unha situación de sobreoferta.

Ademais a existencia desta bolsa de solo baleiro dispoñible a prezos accesibles fomenta que ás empresas lles resulte máis atractivo a compra de solo baleiro que a reinversión no patrimonio existente, o que conxuntamente aos intereses dos concellos en xerar postos de traballo, recadación, e aumento de poboación, desemboca na creación de solo industrial nos municipios para atraer actividade económica e sitúaos nunha situación de competencia entre eles, algo que sucede con frecuencia cando as entidades administrativas se comportan como empresas suministrando servizos ou produtos (Tønnesen, 2015). Os empresarios son sensibles, aínda que menos do que pensan os promotores, ás facilidades dadas para adquirir solo. Esto leva a que incluso exista competencia entre a promoción autonómica e a municipal na oferta de solo.

A pesar da existencia de instrumentos que regulen a subministración e características do solo industrial, sóese dar unha situación definida por Ploegmakers et al. (2013) como 'a quest for control', onde cada axente, cada territorio ou cada concello, trata ofertar e atraer actividade de acordo as súas aspiracións. O solo baleiro é consecuencia das accións e políticas levadas a cabo, onde os promotores compiten por capturar un escaso capital móbil a base de clasificar e producir solo industrial (Molotch, 1976). As parcelas baleiras non son tanto espazos en espera que agardan accións humanas, senón que representan máis que nada intereses en competencia.


Consecuencias e recomendacións políticas

E produtivo socialmente todo o esforzo na sobreprodución de solo industrial? Esto necesita unha reflexión. Nos Países Baixos, un estudio de Louw et al. (2012) indica que un subministro excesivo de solo industrial reduce a produtividade espacial das industrias no seu emprazamento, e sen embargo unha posible redución do subministro incrementa a produtividade neses solos. É dicir, cando existe menos solo dispoñible, as empresas intensifican o uso do solo tratando de acomodar as súas necesidades ao dispoñible, e no caso de existir unha grande oferta, tenden a consumir mais solo do que precisan. Isto contradí aos modelos seguidos de planificación nos que se parte da idea de que o desenvolvemento económico implica un alto subministro constante, como apuntan as opinións recollidas nas entrevistas. Non quere dicir que non sexa necesario ofertar solo, senón que a existencia dunha alta oferta xa non inflúe na produtividade, e que a simple existencia de solo baleiro non é suficiente para que sexa ocupado e polo tanto o desenvolvemento económico non depende so da existencia de solo. Isto é relevante xa que o concepto de produtividade espacial xa non xustifica unha alta produción xa que as empresas non ocupan o solo simplemente polo feito de estar dispoñible, o cal leva á existencia dunha alta proporción de solo baleiro e traslada a o debate ao uso eficiente do territorio.

En Galicia existen autores que sinalan ademais a existencia de políticas que fomentan a sobreprodución de solo. González Laxe et. al. (2014) destaca que a forte expansión de solo industrial experimentada en Galicia dende 1991 levaba asociada unha importante dispersión territorial, que tiña por obxectivo crear unha rede de parques industriais e polígonos que garantiran un desenvolvemento territorial equilibrado en termos de distribución espacial. Hoxe existen 135 municipios dos 314 totais con polígonos industriais e 1448 ha de solo baleiro. Consecuencia desta política, destaca grande a proporción das actuacións anunciadas no programa de Reactivación Económica de Galicia proposto trala catástrofe do Prestige que están paralizadas ou teñen case toda a súa superficie baleira.

Nos Países Baixos, o Social Economic Council of the Netherlands (SER) creou unha directriz que condicionaba á nova demanda de solo industrial ao seu acomodo na medida do posible redesenvolvendo solos vacantes ou intensificando os solos existentes. Tan so nos casos en que ámbalas dúas situacións resultaran inapropiadas desenvolveríanse solos novos. No caso galego, as políticas apostaron pola creación de novo solo sen abordar o tecido industrial existente e non impediron a dispersión. As DOT non definen determinacións que aborden a reconversión ou xestión do patrimonio industrial construído en desuso ou infrautilizado fronte a novos desenvolvementos, e esta situación contribúe á creación dunha bolsa de solo vacante ao mesmo tempo que unha alta demanda, xa que se permite seguir a desenvolver novos solos para facer fronte aos requirimentos do mercado e deixando sen desenvolver ou ocupar os solos xa dispoñibles carentes de atractivo ou prestacións axeitadas para a actividade económica.

Para as empresas os custes de adecuación do tecido industrial existente son maiores que as compras de solo baleiro, polo que aos consumidores finais de solo resúltalles mais económico adquirir solo baleiro antes que a reinversión. Van der Krabben & Van Dinteren (2010) denominan esta situación como 'grasshopper behaviour', cando a localización se deteriora ou se consume resulta mais barato para as empresas trasladarse a unha localización nova. Esto incentiva a creación de novo solo por parte das entidades promotoras que buscan beneficios. Os novos polígonos son creados na súa maioría polas administracións (especialmente a autonómica no caso galego) que aproveitan esta situación para ofrecer solo que consiga atraer actividade aos concellos, que presionan para dispoñer del. Dende o punto de vista desta investigación, as futuras políticas de planificación de solo industrial deberían tratar de abordar o patrimonio existente, e analizar a relación entre a produtividade espacial e o crecemento económico.

Julia Vázquez, Máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio
José María Tubío, investigador no Laboratorio do Territorio
*Resumo do Traballo Fin de Máster de Julia Vázquez

Referencias

El Progreso, (2012). El sur de Lugo tiene 440.000 metros de suelo industrial vacío. Consultado en: http://elprogreso.galiciae.com/noticia/125181/el-sur-de- lugo-tiene-440000-metros-de-suelo-industrial-vacio

González Laxe, F., Armesto Pina, J. F., Sánchez Fernández, P. & Lago Peñas, S. (2014). Solo Industrial. Foro Económico de Galicia.

La Voz de Galicia, (2015). Planes para tres polígonos cuando la mitad del suelo industrial
está vacío. Consultado en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2015/10/23/planes-tres-poligonos-mitad suelo-industrial-vacio/0003_201510B23C19911.htm

La Voz de Galicia, (2015). Planes para tres polígonos cuando la mitad del suelo industrial
está vacío. Consultado en: http://www.lavozdegalicia.es/ noticia/barbanza/2015/10/23/planes-tres-poligonos-mitad suelo-industrial-vacio/0003_201510B23C19911.htm

Molotch, H. (1976). The city as a growth machine: Toward a political economy of place. American journal of sociology, pp. 309-332.

Ploegmakers, H. e de Vor, F. (2015). Determinants of industrial land prices in The Netherlands: a behavioural approach. Urban Studies, 52(12), pp. 2151-2169.

Tønnesen, A. (2015). Urban entrepreneurialism and car-use reduction. Planning Theory & Practice, 16(2), 206-225.

Van der Krabben, E. e Van Dinteren, J. (2010). Public development of industrial estates
in the Netherlands: Undesired market outcomes and policy interventions. Tijdschrift voor economische en sociale geografie, 101(1), pp. 91- 99.

Vence, X. et al. (2007). As necesidades empresariais de solo produtivo en Galicia 2006-2015 e programa de actuacións estratéxicas en solos produtivos. Demanda, oferta e necesidades de solo. Instituto galego de vivenda e solo. Consellería de vivenda e solo.


















0 comentarios: