Sistemas alimentarios locais: seminario internacional en Lugo

20:18 2 Comentarios

A aparición da agricultura na área comprendida entre Mesopotamia e o val do Nilo hai 8500 anos non só propiciou o desenvolvemento das primeiras cidades, senon que condicionou a súa estrutura, tamaño e emprazamento. Coa chegada da revolución industrial a principios do século XIX, o vínculo entre as cidades e as zonas agrícolas que as rodeaban foise facendo cada vez máis débil ata perderse. A enerxía barata que primeiro o carbón e logo o petróleo proporcionaron permitiu o incremento da produtividade agrícola e a redución dos custos de produción. As melloras tecnolóxicas no transporte e a conservación dos alimentos facilitaron o abastecemento dende localizacións cada vez máis distantes. Actualmente, conglomerados de empresas alimentarias fornécennos de alimentos producidos en calquera parte do mundo, a través de cadeas de comercialización e distribución complexas e difíciles de controlar.

A cada vez máis difícil trazabilidade dos produtos, o aumento da complexidade das cadeas de distribución, a forte dependencia dos combustibles fósiles, o cambio climático e o crecente poder dos conglomerados alimentarios, xeran unha serie de incertezas no que a seguridade e soberanía alimentaria se refire, sobre todo no contexto de crise económica e escaseza de recursos no que nos atopamos.

Os sistemas alimentarios locais reducen estas incertezas promovendo a creación de redes de produción e comercialización local de alimentos e o uso de recursos cercanos. Deste xeito perséguese mellorar a soberanía e seguridade alimentaria e, asemade, obter beneficios adicionais como o fomento da economía local, a creación de emprego, a mellora da calidade e trazabilidade dos alimentos, a conservación da agrodiversidade local ou a recuperación e promoción de produtos locais. Os sistemas alimentarios locais engloban á súa vez a agricultura urbana que intenta restablecer o vínculo perdido entre as cidades e a produción local de alimentos a través da recuperación de espazos degradados ou espazos verdes desaproveitados para tal fin. Deste xeito auméntanse a oferta de ocio, ofrécense oportunidades para a educación ambiental, reinserción de persoas con problemas de exclusión social, creación de redes sociais, mellorase a capacidade das persoas máis desfavorecidas para acceder a alimentos frescos,aumentase o número de zonas verdes e baixase os seus custes de conservación.

Lugo, igual que case tódalas cidades galegas, presenta moitas vantaxes para crear este tipo de iniciativas, dada a forte vinculación da cidade coas áreas rurais. De feito, persisten na cidade numerosos espazos (por exemplo, aquí ou aquí) que conservan vestixios do seu carácter rural e agrícola e poderían ser recuperados para promover a creación de áreas verdes a través da agricultura urbana. De feito xa existen iniciativas de agricultura urbana que teñen moito éxito, como as hortas do parque do Rato. Este tipo de actuacións poden servir como base a programas máis ambiciosos que contribúan a crear unha cidade máis verde e sustentable.

A semana do 22 ao 26 de Outubro celebrarase en Lugo un seminario internacional sobre sistemas alimentarios locais, organizado polo Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela e a universidade holandesa Van Hall Larenstein. O programa abordará nunha primeira parte os contidos teóricos e conceptuais dos sistemas alimentarios locais, e nun segundo bloque realizarase un taller con visitas a campo e entrevistas a axentes locais. A parte teórica será desenvolta polo profesor Alfonso Morales da universidade norteamericada de Wisconsin-Madison. Nos primeiros dous días, o profesor Morales introducirá os conceptos dos sistemas alimentarios e a agricultura urbana, para logo explicar como os sistemas alimentarios contribúen á sustentabilidade. As charlas continuarán coa exposición das iniciativas e ferramentas de planeamento que se están a desenvolver dentro deste eido para rematar facendo unha análise comparativa entre os sistemas alimentarios en Estados Unidos e Europa. A intervención do profesor Morales será aberta ao público e rematará cun diálogo cos asistentes, no que se discutirá sobre os sistemas alimentarios locais na cidade e a súa área de influencia.

O seminario continuará cunha parte de taller con visitas a campo en grupos realizados polos alumnos para elaborar un plan destinado a fomentar a produción e comercialización local de alimentos na cidade de Lugo. O devandito plan, será presentado o sábado 27 nun acto público. A participación de alumnos de varias nacionalidades e diversas especialidades no presente taller, contribuirá tanto a analizar dende diferentes perspectivas os sistemas locais de alimentos en Lugo e as súas inmediacións, como a achegar ideas novedosas para o fomento dos sistemas locais de alimentos na bisbarra.

2 comentarios:

  1. É tremendamente reconfortante ver como as fotos das hortas do Rato, da Plaza de Abastos, dos postos de venda de grelos e mesmo afectivos comentarios sobre a particular e retranqueira negociación de prezos e intercambio de experiencias cotiás chegaron a páxinas web, foros e redes sociais americanos e holandeses como exemplo de loables sistemas de produción e comercialización locais.
    Pola contra, deberíamos reflexionar porque aquí centramos a mirada nos fornidos corpos que corren pola beira Este do río Rato sen reparar o que se "coce" do outro lado do río e pasamos a mañá do sábado alucinando co novo formato de envase dos tomates do Marcadona ou lendo un magnífico artigo sobre participación na casa en vez de acercarnos curiosear, escoitar, premiar, motivar e retroalimentar os xeniais resultados dunha semana de traballo entorno a aquelo que os extranxeiros que nos visitan consideran singular e estratéxico para a cidade.
    "Somos así"

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Desde as hortas do Rato (e vendo a estrada na outra beira do río) un pensa que as cousas poden ser efectivamente doutro xeito...

      Eliminar