Minería, proxectos estratéxicos e participación pública

19:27 2 Comentarios

Moitos veciños e veciñas de Bergantiños móstranse preocupados pola posibilidade de que a empresa canadense Edgewater Exploration inicie a explotación dunha mina de ouro en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, un proxecto considerado estratéxico polo goberno autonómico. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto advirte de graves riscos medioambientais derivados da explotación do ouro, principalmente da utilización de cianuro no proceso.

A minería, especialmente a que se fai a ceo aberto, é unha actividade económica lexítima pero que altera de xeito irreversible a paisaxe e adoita ir asociada a importantes externalidades negativas (entre elas a degradación da calidade do aire e das augas superficiais e subterráneas, os ruídos, ou o tráfico de vehículos pesados) que afectan particularmente aos veciños máis próximos. ¿Poderiamos consideralo como un caso típico de SPAN ("Si, Pero Aquí Non" - Not In My Back Yard, NIMBY, nos países de lingua inglesa)? Pois probablemente non... na medida en que non imaxinamos que os veciños de Bergantiños desexen a apertura de minas de ouro noutros lugares do mundo, nin que o seu modo de vida dependa necesariamente da existencia destas.

O que si resulta evidente é que a implantación dun proxecto deste tipo é un proceso especialmente sensible, e que polo tanto a información e a transparencia dos procesos de participación pública deberían ser particularmente exquisitas. Non parece o caso da Resolución do 20 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o Proxecto de explotación, que establece un período de tan só trinta días para que os interesados consulten -entendemos que en horario de oficina- a documentación do proxecto e realicen as alegacións que consideren. Non facilita, por exemplo, dirimir se realmente a concesión entra en conflicto coa Rede Natura 2000, algo que sería ben fácil de existir acceso a cartografía en formato e escala axeitados.

Que sexan corporacións transnacionais as interesadas neste tipo de proxectos xustifícase habitualmente polo feito de que estas dispoñen do capital, os medios e a experiencia para acometer proxectos de grande envergadura. A outra cara da moeda é o historial que acompaña a este tipo de compañías no respectivo ás relacións coa poboación local, ou á falta de cumprimento dos compromisos ambientais, por exemplo, con independencia do que digan as súas respectivas guías de Responsabilidade Social. Non contribúe a fomentar a confianza o feito de que estas empresas dilúan a súa apariencia baixo un entramado de nomes (de feito, Edgewater só ten en activo o proxecto de Corcoesto e opcións de compra nun proxecto en Ghana, e resulta en apariencia unha compañía de pequeno tamaño). Inevitablemente temos que preguntarnos sobre que garantías se lle pensan esixir á empresa para garantir que non se repitan casos como o da mineira sueca Boliden en Aznalcóllar en 1998 (curiosamente Boliden foi eximida recentemente polo Tribunal Supremo de reembolsar á Junta de Andalucía os gastos derivados do accidente).

As afirmacións sobre o volume de emprego que sería creado tamén deben ser tomadas con precaución. A discusión aquí non é só ata que punto son realistas, porque sabemos que case sempre son interesadamente optimistas (un caso paradigmático eran os plans de acuicultura: plantas que ofrecían 200 empregos na costa galega teñen na actualidade arredor de 15). A verdadeira discusión é a comparación co que poderían xerar outros proxectos produtivos de menor impacto ambiental, maior aceptación social, e maior rendibilidade social do investimento realizado como, por exemplo, cultivar cebolas. ¿Existirá algunha razón administrativa que impida declarar como estratéxico un proxecto de produción de cebola?

Por se acaso, podes ler (e asinar, se o consideras correcto) a petición para que se deteña o apoio do goberno autonómico ao proxecto AQUÍ.

2 comentarios:

  1. Por que será que non me fío da cifra dos 200 empregos? Por que aínda sendo certo, 200 empregos parece un beneficio ridículo cando a mina so terá unha vida útil, segundo a propia empresa, de 10 anos? Por que me parece que pouco dos 206 millóns de VAN que experan obter ficarán no concello, na provincia ou no país? Por que intúo que nesas contas non se consideran parte dos perxuicios ambientais a longo prazo que si terán que asumir tódol@s veciñ@s? Será porque isto sona ó xa eterno expolio e colonialismo por parte de entes esóxenos? E tal e como mandan os cánones, coa connivencia dos líderes locais. Iso, que non falte.

    ResponderEliminar
  2. Igual non é nada descabellado pensar que a propia Rede Natura 2000 (sen miramientos co formato e escala da cartografía) sexa e/ou fose unha xustificación administrativa suficiente para frear o cultivo de cebolas ou a tradicional sega dos prados de rega...

    ResponderEliminar