Presentación do blog

18:22 2 Comentarios

Son moitos os factores que debuxan un escenario territorial con grandes incertidumes e presións externas (crise económica global, inestabilidade dos mercados agrícolas, reforma inminente da PAC, cambio climático, crise do modelo enerxético, etc.), sumadas as propias dinámicas internas de Galicia (despoboamento do interior e presión na costa, cos conseguintes problemas de abandono, lumes, perda de patrimonio, degradación medioambiental, urbanización difusa, desarticulación social etc.). Todos estes procesos son en realidade indicadores de como se usa a terra. Ante unha situación de incertidume , ponse máis de manifesto o carácter estratéxico do recurso terra para calquera sociedade. No contexto actual, as preguntas cruciais que se debería formular a sociedade galega son: podemos seguir usando este recurso como o vimos usando? Que outras formas hai de usalo que novas formas de gobernanza podemos crear para usalo de forma diferente? Como se debe adaptar Galicia a este novo contexto?
Esta adaptación pasa por unha axeitada Xestión de Terras e do Territorio, que a súa vez só será eficaz e viable se nace dunha reflexión e toma de conciencia colectivas. Terra e persoa, conforman terras; terras e sociedades, conforman territorios.
Terras no senso de ser a intersección de tres elementos diferentes:
  • As persoas, a sociedade, e o espazo físico que descubren, que habitan, que posúen, que usan, que constrúen, ... que viven.
  • Terras no senso de propiedade, coa sua dimensión física, produtiva e cultural, de dereito de persoas.
  • Territorios no senso de espazos xeograficos sobre os que unha sociedade se reproduce e exerce o seu dominio; territorios no senso de dereitos dos pobos.
Esta integración Terra-territorio a entendemos posible grazas ás tecnoloxías das comunicacións (esta canle pode se-lo exemplo) e da información xeospacial (tanto polas características do país, como das capacidades iniciais e o entorno de traballo do grupo promotor).
Este blog quere estimular esa reflexión colectiva para innovar nos modelos de Gobernanza da terna Terra, terras, territorios. Persegue ter unha ollada integradora e transversal, dado que só así estaremos algo máis preto de coñecer, entender e transforma-la realidade. Pretende ser colaborativo, porque así entendemos a construción do novo paradigma de gobernanza. Obrígase a ser crítico e aberto, carácter que debería ser irrenunciable das iniciativas que nacen no seo dunha institución como a USC. Busca aproveitar, difundir e enriquece-las actividades do LaboraTe e mailo masterterra, que de seguro aportarán os primeiros ingredientes para entre todas/os cociñar un bo prato.
Arelamos integrar e trascender para crear comunidade e facer país. Anímate a participar.

Rafael Crecente Maseda

2 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

    ResponderEliminar
  2. Parabéns pola iniciativa. Moi instructivos os vosos artigos sobre a realidade do mundo rural e agrogandeiro galego. Seguirei o blogue con interese.

    ResponderEliminar