Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

Terra, xente e ideas para un agro con futuro

Estase falando do sector agrario galego, en concreto dun dos seus principais piares, o lácteo. Tristemente, debido á crise de prezos do leite. É agora cando se fala da estrutura do sector, da súa competitividade, da organización da cadea dende os produtores ata a gran distribución, pasando pola industria. Fálase do marco comunitario, dos mercados globais, das responsabilidades duns e doutros. Como se non houbese sector lácteo antes, nin sector agrario, e como se ambos non fosen estratéxicos e fundamentais, xa antes, para o país, a súa economía, emprego e territorio. Antes estaba todo ben?
A agricultura galega transformouse dramaticamente no último medio século. Dise que se modernizou, basicamente con tres procesos paralelos. Unha mecanización intensa, coa que o número de tractores se multiplicou por cento oitenta –oito tractores máis ó día nos últimos 50 anos!-; unha forte intensificación para á que, por exemplo, necesitamos hoxe cinco veces máis fertilizantes nitroxenados e, finalmente, unha clara especialización gandeira, sobre todo no vacún de leite, que aumentou un 400% e xa supón arredor dun tercio da produción final agraria galega. Polo camiño perdéronse o 93% das persoas ocupadas na agricultura, que os economistas chaman, convencidos, a substitución de man de obra por capital e, en paralelo, deixaron de traballarse en Galicia oitenta e oito mil hectáreas de labradío e de pacerse unhas seiscentas mil de pastos.
Todo iso para un incremento do valor da produción de pouco máis do dobre. Non parece unha gran colleita para semellante catarse. Ese relativo baixo incremento do valor débese a que producimos máis, pero necesitamos moitos máis insumos que antes para facelo. Entón, especializámonos moito e substituímos terra e xente por tractores, adubos e pensos. En parte foinos ben, pero agora é momento de repensar os fundamentos dese cambio para encarar o futuro con garantías. A alternativa non pinta ben.
Lembremos que o cerne da agricultura é, sempre, a terra e quen a traballa. Que ademais deberá dispoñer do coñecemento e tecnoloxías máis avanzadas, ollo, de acordo ás condicións biofísicas, organizativas e estruturais de cada territorio. É dicir, non serve importar ou copiar trevellos e modelos doutras latitudes; poden funcionar ben aló e seren nefastos aquí. Diso deberíamos ter aprendido algo.
Poderemos ter un sector agrario produtivo e sostible se o centramos na terra, nas persoas e na innovación apropiada.
Na terra, sendo conscientes de que o solo de boa aptitude agraria é un recurso escaso e estratéxico e que hai que protexelo con determinación e visión de futuro. Non só por ser a base do sector agrogandeiro senón como condición indispensable para garantir a sostibilidade do país dende un punto de vista económico, social e ambiental. Tendo en conta as tendencias, cunha perda do 15% da superficie agraria útil nos últimos 20 anos, esta é unha tarefa que non podemos adiar máis.
Nas persoas, sabendo que o descenso no número de agricultores non é, como ás veces aínda se di, unha condición necesaria para a axeitada re-estruturación do sector nin tampouco un signo de desenvolvemento do país. Esa é unha visión rancia e miope. Ninguén considera a Francia, Alemaña ou Italia países atrasados, e teñen un 2% máis de agricultores por kilómetro cadrado que Galicia. Non por iso deixan de ser as principais economías europeas e, atención, tamén as principais potencias agrarias.
É imprescindible potenciar a incorporación á agricultura de persoas coas capacidades axeitadas. Repensemos as políticas de re-emprazo xeneracional. As actuais subvencións para investimentos non solucionan obstáculos clave. Apoiemos novos modelos de negocio, facilitemos a entrada a persoas que, vindo doutros ámbitos laborais, vexan na agricultura un futuro real –o re-emprazo do propio sector non chega-; impulsemos novos xeitos de organización –hai moitas formas de agricultura posibles e tipos de agricultor viables- e, sobre todo, parece mentira que haxa que dicilo, melloremos a capacitación tanto técnica como de xestión e o espíritu innovador. E todo iso esixe acompañamento e estruturas de transferencia, formación e innovación que, na actualidade, van a menos en lugar de ir a máis. Tremendo.
Na innovación, nas ideas. Diversifiquemos en producións e nas súas liñas de negocio. A quen lle sona iso de que o sector lácteo galego ten que producir algo máis que leite líquido?. E Galicia pode e debe ser algo máis que unha potencia leiteira –no top10 europeo, por certo-. Apliquemos ou desenvolvamos tecnoloxías e técnicas acaídas ás nosas condicións, sen perder de vista a cales das demandas globais podemos respostar mellor. Por exemplo, onde mellor que en Galicia se pode apostar por producións singulares de calidade diferencial?.  Podemos pensar novas formas de organizarnos que melloren as condicións de traballo, que faciliten o intercambio de coñecementos, que potencien a aparición de sinerxías e, en definitiva, que creen un auténtico sector con conciencia de seu.
Para isto, só as palabras, como estas, non fan nada, nin aínda que vaian no DOG.

Artigo publicado o 26/07/2015 no Faro de Vigo

O agrario: de potencial a potencia

Nestes intres estámonos a xogar case 900 millóns de euros de fondos europeos para desenvolvemento rural. E máis importante, temos que decidir en que imos a investilos para endereza-lo rumbo do noso territorio, e en concreto o rural, que semella cada vez máis ser un barco á deriva. É o momento de facer unha diagnose axeitada, decidi-lo destino e coller con firmeza o temón. Diso se ten que ocupar o Programa de Desenvolvemento Rural, actualmente en elaboración, de aquí ó 2020. Todo sendo conscientes de que nese barco imos todos e que cando falamos, por exemplo, da superficie agraria útil, referímonos a un dos seus puntais estratéxicos 
cuxa diminución e degradación nos pode levar a pique. Vivamos en Lobios ou en Vigo.
A superficie agraria útil é a base dun sector que, pese ás dificultades, segue a ser fundamental na economía galega e dominante en moitas comarcas, sobre todo do interior, tanto en termos de riqueza xerada como de emprego. Máis aló desa relevancia sectorial, as terras de pastos e de labor son condición necesaria (aínda que non suficiente) para acadar a soberanía alimentaria, concepto ó que lle deberíamos prestar moita máis atención nun mundo tan cambiante e incerto. En moitas áreas son esas terras as que definen paisaxes de gran valor e tamén as que acubillan biodiversidade específica. Son ademais, en numerosas ocasións, as que protexen ó noso país do risco de arder aínda con máis virulencia e devastación. En definitiva, as terras agrarias son unha riqueza estratéxica que non debemos deixar esmorecer.
Porén as cifras son teimudas e a superficie agraria veu descendendo de xeito continuado nos últimos trinta anos. E fíxoo tanto en cantidade, cunha diminución de máis de 150.000 nesas tres décadas (estimación aproximadas), como en calidade. Os procesos de polarización (marxinalización vs. intensificación) e simplificación que actúan a escala do país, tamén o fan a este nivel. Así, mentres algunhas terras van deixándose sen aproveitar, noutras aumenta a intensificación con riscos de erosión do solo, contaminación das augas ou perda de valores ambientais. En paralelo, as producións fóronse especializando e polo camiño quedaron moitos cultivos, variedades e razas, en moitos casos autóctonas, de gran interese cando un pensa en aspectos como os produtos diferenciados, novos nichos de mercado, etc. ou na resiliencia e capacidade de adaptación.
Que di ó respecto o borrador do Programa de Desenvolvemento Rural (chamado PDR) elaborado pola Consellería do Medio Rural co obxecto de captar os fondos comunitarios? Pois pouca cousa. A diagnose que fai o documento non advirte desas tendencias negativas nin do que se agocha tras dos grandes números.  Tanto é así que a propia Comisión Europea, que ten que aprobar dito programa, unha vez que analizou o referido borrador vén de pedirlle ó goberno galego que ‘aporte cifras máis detalladas que se refiran ó sector agrícola’ ó tempo que solicita que proporcione máis información ‘con respecto ás posibilidades de creación de emprego nos sectores que fomenten o crecemento relacionados coa agricultura, a silvicultura e a agroalimentación’. Todo ilo para definir e xustificar mellor a estratexia futura. É dicir, difícil decidir o rumbo se non sabemos onde estamos.
Tamén hai vida (ou debería habela) máis aló do PDR. Así, nos últimos anos houbo unha actividade lexislativa intensa para reverter esas dinámicas a través, por exemplo, da Lei de Mobilidade de Terras, da Lei de Montes ou mesmo coa Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria, actualmente a debate. Pero non serve de moito se despois as leis non se aplican, non se desenvolven ou non se dotan cos recursos suficientes (pensemos no caso do Banco de Terras). A DOGacracia soa non cambia as cousas.
O futuro PDR é unha oportunidade non só para tratar de frear a perda de superficie agraria, senón tamén o marco para definir que rural queremos, unha caixa de ferramentas para construílo e bos diñeiros para facelo. O primeiro para emprender a singradura é ter a visión suficiente e ser conscientes das potencialidades do rural e, en particular, do sector agrario, escapando de ideas anacrónicas que os vinculan ó atraso e a economías sub-desenvoltas. As dúas maiores economías europeas, Alemaña e Francia, son tamén dúas das principais potencias agrarias.
É necesario comprender que o futuro da superficie agraria transcende o ámbito sectorial. Interésalle tamén á acción no eido paisaxístico, ambiental ou urbanístico. Quen 'produce' a SAU é fundamentalmente un sector, pero quen a 'consume' son todos, somos todos, e de moitos xeitos. O territorio é o mesmo.  Galicia ten un potencial enorme para ter unha agricultura moderna e sostible, xerando novo emprego de calidade e máis valor engadido, non só agroalimentario, tamén paisaxístico, ambiental e, en definitiva, territorial. Podemos comezar polo futuro Programa de Desenvolvemento Rural, sen que teña que vir Bruxelas a facernos os deberes. Fagamos dese potencial unha gran potencia.


Artigo publicado no Faro de Vigo o 21/12/2014

Ergosfera: eu quero feísmo na miña paisaxe!

Que é o feísmo? É o aspecto estético o principal elemento de valoración da paisaxe e os seus elementos? Quen se adxudica o dereito de asignar a etiqueta?
Esta presentación en formato Pecha-Kucha preparada por Ergosfera, introduce unha visión alternativa e sitúa no debate elementos habitualmente ignorados como reutilización, reciclaxe, identidade ou multifuncionalidade.

Caos e orde: urbanismo e ordenamento territorial

En materia de urbanismo e planeamento territorial moitos galeg@s tendemos a pensar que vivimos nun caos completo. Algúns miran a outros países buscando un modelo a imitar, e Holanda menciónase en ocasións como un deles.
É Galicia paradigma de caos? É Holanda o modelo a seguir?
José María Tubío preséntanos unha comparación entre os instrumentos e procesos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio en Galicia e Holanda.