Por qué non se moven as terras?

13:00 0 Comentarios


Existe na realidade galega unha falta de eficiencia das explotacións agrarias.
Fortes inversións (pensos, forraxes,...) pero produtividade baixa, ¿por que? Un dos motivos polos que isto ocorre é porque se traballa sobre unha base territorial deficiente (baixa SAU por explotación, fragmentación e subaproveitamento). A actual crise do sector gandeiro xunto coa diminución da poboación rural, provocou unha importante redución do número de explotacións. Para tentar contrarrestar todas estas dinámicas, a Administración pon en marcha o Banco de Terras de Galicia. Coa problemática vixente no sector e estas iniciativas, todo levaría a pensar que a mobilidade de terras sería axeitada mais sen embargo non é así, ¿que obstáculos a frean entón? Este estudo pretende detectar os obstáculos que atopan os gandeiros á hora de acceder a máis terra, así como os motivos para non intensificar os traballos naquelas parcelas “subaproveitadas” que xa xestionan. Pártese de que os gandeiros que declaran a PAC están a demandar máis terra, e curiosamente existen parcelas dispoñibles na súa parroquia. O Pasto Arbustivo (xeralmente
nun estado de subaproveitamento) ocupa en Galicia unha elevada porcentaxe na declaración da PAC.
Deséñase unha enquisa a realizar a titulares de explotacións gandeiras de vacún que solicitan axudas da PAC. Para mellorar a enquisa e depurar os puntos de análise discútense con técnicos da OAC (Oficina Agraria Comarcal).
Realízase unha mostra aleatoria na OAC aproveitando a oportunidade de que os gandeiros teñen que achegarse ata esta oficina para entregar a PAC, nos últimos días antes do remate do prazo. Sen sesgar, pois son escollidos ao azar. A análise das respostas consiste en detectar ¿que ocorre?, ¿por que
sucede?, ¿quen presenta esta problemática? e as incoherencias. Detéctase un inmenso abano de obstáculos de acceso á terra que provoca a baixa mobilidade desta área, cabe destacar os seguintes: baixa capacidade adquisitiva das explotacións, prezos elevados e subxectivos, forte competencia
entre explotacións, competencia con outros usos (produción forestal e “segunda vivenda”), fiscalidade baixa, apego á terra, tratamento das terras como unha “reserva”, falta de información da propiedade, problemas de herdanzas ou varios propietarios, malas relacións entre veciños, inseguridade
dos arrendamentos, desacordos no troco de parcelas, “pasividade” na  Administración, desvinculación entre o cobro de axudas da PAC e a actividade agraria e falta de atractivo das fincas dispoñibles. ¿En que características se fixan os gandeiros entón? Adoitan esixir distancia á explotación, superficie
mínima de 1 ha, accesos, pendente, prezo e calidade da terra.  En canto ás razóns polas que os gandeiros non traballan de maneira máis intensiva as fincas “subaproveitadas” que xa xestionan, son principalmente unha elevada pendente, superficie pequena, malos accesos ou distancia
afastada. Son en xeral motivos opostos ás características ideais esixidas  previamente.
Sorprende que só o 60% dos gandeiros que declaran a PAC estean a pedir  terra na actualidade e tamén o feito de que non en tódalas parroquias existan terras dispoñibles. Para concluír, a baixa mobilidade de terras atopada responde a unha ampla serie de obstáculos, imposibles de salvar só por medio
do mercado sen unha maior intervención da Administración.

David Vila García

0 comentarios: